Profesorado do Campus de Ferrol traballa para integrar a IA no currículo do FP de toda Europa

Integrar os fundamentos da Intelixencia Artificial (IA) no currículo das escolas ou centros de Formación Profesional de toda Europa.

Este é o obxectivo do Proxecto Europeo Erasmus+ AIM@VET “Artificial Intelligence learning modules to adapt VET to the digital transformation of the labour market” que coordina o profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e investigador do Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña, Abraham Prieto García.

Neste proxecto europeo participan persoas expertas en Intelixencia Artificial (IA) vinculadas á Universidade de Liubliana en Eslovenia, á Universidade da Coruña en España e á Universidade do Miño en Portugal.

Do mesmo xeito, tamén colabora nesta iniciativa de innovación docente o profesorado e alumnado do centro de Formación Profesional de Velenje en Eslovenia, do Centro Integrado de Formación Profesional Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol e máis do centro de Formación Profesional de Caldas de Taipas de Portugal.

A proposta de plan de estudos que se está a deseñar de xeito conxunto entre as tres universidades e os tres centros de Formación Profesional europeos implicados distribúese en tres bloques ben diferenciados nos que se traballarán contidos relacionados coa robótica, a visión artificial e coa intelixencia ambiental.

A Universidade da Coruña e o Centro Integrado de Formación Profesional Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol centran os seus esforzos no bloque de robótica. 

O coordinador do Proxecto Europeo Erasmus+ AIM@VET, Abraham Prieto García, xunto con profesorado do Campus Industrial de Ferrol, bota man da aprendizaxe baseada en proxectos e convida ao persoal docente e ao alumnado do Ciclo Superior de Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma e máis do Ciclo Superior de Administración de Sistemas Informáticos en Rede deste centro formativo ferrolán a participar activamente na planificación, execución e avaliación deste proxecto europeo.

Ao remate do proxecto, previsto para xullo de 2025, a Universidade da Coruña entregará un currículo que inclúe unha serie guías dixitais dirixidas ao profesorado e ao alumnado de Formación Profesional nas que figurarán unha ducia de unidades didácticas que incluirán fundamentos conceptuais, propostas de actividades así como outro tipo de material de respaldo como poden ser arquivos de simulación ou cadernos de código aberto Jupyter.

O proxecto AIM@VET “Artificial Intelligence learning modules to adapt VET to the digital transformation of the labour market” está financiado pola Unión Europea a través do Programa Erasmus+ e conta cun orzamento de 400.000 euros.

A Universidade da Coruña dispón de 93.000 euros para levar a cabo os traballos de coordinación, a elaboración e o testeo das unidades nos centros formativos así como a diseminación dos resultados e actividades no marco da comunidade educativa de referencia.

Lea también

Psoe Ferrol urxe a reparación e mantenemento dos espazos culturais

A concelleira socialista Montserrat Dopico insta ao goberno de Rey Varela «a acometer as obras …