O pleno deste xoves 30 en Ferrol debatirá unha moción do grupo municipal socialista na que se insta ao goberno do Partido Popular «a ceder «xa» unha sala do centro municipal Torrente Ballester, que de forma permanente e mentres non exista unha solución definitiva, acolla as pezas materiais do castro de Esmelle»
Refírense os socialistas, segundo explicou a concelleira Eva Martínez Montero, «aos achados no castro durante a excavación no verán do equipo liderado por Samuel Nión, enmarcada na Cátedra de Arqueoloxía do Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña, que dirixe o profesor e arqueólogo Juan Luis Montero Fenollós»
«Estas pezas, das que se acaba de coñecer a orixe temporal, que constata a relevancia do castro, terán que marchar nuns meses á Coruña se non se habilita na nosa cidade un espazo que cumpra cos requisitos establecidos por Patrimonio para a súa custodia, conservación e exposición, polo que o grupo do PSdeG-PSOE considera que, aínda que o máis axeitado é que o propio castro se convirta no futuro nun Parque Arqueolóxico,»
«O goberno local debe ceder unha sala, e habilitala como espazo expositivo permanente, no centro cultural Torrente Ballester, no que, ademais, xa está o arqueódromo, desenvolvido durante o pasado mandato e a piques de inaugurarse, para custodiar ditos achados mentres non se acada o obxectivo final»
«É unha mágoa que estas pezas, que para Ferrol son moi importantes e teñen un interese histórico, cultural e patrimonial relevante, teñan que marchar á Coruña, onde ademais seguro que serán gardadas nun almacén pola inxente cantidade de restos que atesouran en San Antón», manifestou Martínez Montero
Tamén indicou que «na moción se inclúe outro punto no que se solicita ao goberno de Rey Varela que busque e xestione a colaboración económica doutras administracións para poder dotar a Esmelle dese parque arqueolóxico permanente, que «sen dúbida, dotaría a Ferrol dun novo recurso cultural, patrimonial, educativo, turístico e mesmo económico de primeiro nivel».
Finalmente, os socialistas reclaman que «se garanta a limpeza e mantemento, fóra das obrigas propias que se establecen dentro da Cátedra de Arqueoloxía do Concello de Ferrol e a UDC, da zona de titularidade municipal na que se asenta o castro de Esmelle, de cara a poder organizar a excavación do vindeiro verán».