O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol pediu ao alcalde da cidade, José Manuel Rey, que proceda a tramitar a declaración da casa natal de Carvalho Calero como Zona de Especial Necesidade de Rehabilitación (ZER).
Iván Rivas, portavoz do BNG, «cualificou de incomprensíbel a actitude e a pasividade do goberno local no referente a situación da casa de Carvalho Calero». Lembra, Rivas, «que este trámite é indispensábel para poder acometer a rehabilitación deste inmoble despois da anulación do Plan Especial e que esta declaración é responsabilidade tanto do Concello como da Xunta de Galiza, que levan anos manifestando o seu compromiso con esta obra de portas afora, pero que na realidade non moven un papel para efectivizalo».
O BNG lémbralle a Rey varela que votou afirmativamente no pleno municipal para iniciar os trámites para esta declaración, pero que «agora non actúa no mesmo sentido. Prefire crear falsas expectativas na veciñanza de Ferrol coa ordenanza de tramitación de licenzas municipais mentres non emprega os mecanismos legais que ten na súa man, como a declaración de zona ZER dentro da area rexurbe de Ferrol Vello, que posibilitarian a rehabilitación deste inmoble».
O BNG volve a pedir ao goberno local e á Xunta de Galiza que se comprometan con este proxecto estratéxico para o barrio e para a cidade e que por tanto, ademais de incorporar nos seus orzamentos as partidas necesarias para a súa execución inicien de imediato a declaración da casa de Carvalho Calero e das parcelas que forman parte deste proxecto de rehabilitación como Zona ZER, unha medida que permitiría executar á marxe do planeamento actual, o proxecto de recuperación deste inmoble.