A Deputación da Coruña aprobou no pleno do pasado venres 24 a fase inicial do Plan Único, que destinará 50,5 millóns de euros para toda a provincia, e máis de 9,5 para as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.
Así o anunciou a deputada de plans provinciais, Cristina García Rey, nunha rolda de prensa no Concello de Narón, que continuou coa visita a unha das obras do Plan Único. Esta partida súmase aos máis de 97 millóns de euros que a Deputación leva investido nestas tres comarcas nos últimos anos, e increméntase nun 7,5% con respecto ao investimento inicial de 2023.
O Plan Único (POS+) da Deputación da Coruña é o maior plan de cooperación municipal de Galicia e un dos máis importantes de España; unha ferramenta para o financiamento de obras e servizos públicos que melloran a vida da cidadanía en todos os concellos da provincia.
Maior autonomía municipal
“O Plan Unico foi creado no 2017, deixando atrás os plans finalistas e promovendo unha maior autonomía municipal” apuntaba a deputada. “Agora son os gobernos dos concellos os que, en función da súa realidade, deciden cales son os proxectos prioritarios. Isto responde á realidade do noso país e da nosa provincia, xa que temos concellos con necesidades moi distintas e deste xeito a xestión dos recursos públicos é moito máis eficiente”, engadía.
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, agradeceu a visita da deputada provincial para coñecer de primeira man a situación do concello. Ferreiro destacou as axudas de programas coma o POS e incidiu no feito de que “dende o goberno local de Narón apostamos por destinalo a investimentos, como no último caso, melloras viarias e en instalacións como o centro de maiores da Solaina, onde se ultiman uns traballos de accesibilidade e remodelación das instalacións que redundarán no beneficio dos seus usuarios”.
Mellora de servizos e obras
Nos últimos anos, a través do Plan Único, transferíronse preto de 100 millóns de euros aos concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, que fixeron posible, por unha banda cubrir parte do gasto corrente dos concellos (alumeados públicos, auga, parques e xardíns, persoal, etc.)
Por outra, o investimento en obras (como a ampliación de numerosas redes de abastecemento de auga, das redes de saneamento, estradas, parques, melloras na eficiencia enerxética, melloras na accesibilidade das rúas e dos edificios ou ampliación en locais sociais, entre moitas outras).
No caso do concello de Narón, o Plan Único investirá en 2024 algo máis de 1,2 millóns e, gracias a esta ferramenta, leváronse a cabo obras como a ampliación do local social de Santa Icía. “En definitiva, o Plan Único permite aos concellos atender ás necesidades e prioridades dos seus veciños”, puntualizaba Cristina García.