O Concello de Cedeira conmemorará este sábado 25 o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres cun acto institucional no que se lerá un manifesto e se fará un “minuto de ruído” polas vítimas.
Trátase de non silenciar o problema, tal como explicou Lucía Picos, a concelleira de Igualdade, e de expresar a rabia e a carraxe ante estan lacra. Neste acto, que terá lugar ás 19.00 horas no Auditorio Municipal, as voluntarias do Punto Lila lerán fragmentos do libro “Comezar desde cero”, no que a educadora social Tania Merelas recolle as voces de mulleres no proceso de recuperar as súas vidas despois da violencia machista.
Tamén o mesmo sábado 25 están programados actos de sensibilización contra a violencia contra as mulleres no Centro de Ocio Xuvenil. Alí, rapaces e rapazas de 12 a 18 anos están invitadas a asistir, ás 17.30 horas, á proxección da curta “Violencia invisible”, de María Giséle Royo.
A cinta, premiadano Festival de Cine de Mulleres de Berlín, aborda situacións de violencia psicolóxica de xénero, unha parte que moitas veces queda oculta ou esquecida baixo o global do problema. Traso pase comezará unha merenda-coloquio na que participará o equipo Faro da Igualdade do IES Punta Candieira.
No marco da conmemoración do 25N o Concello de Cedeira tamén impulsou a instalación, na entrada e no vestíbulo do Auditorio Municipal, dunha exposición creada polo alumnado do ciclo de Edición de Publicacións do IES de Leixa. Nela aparecen siluetas de mulleres colgadas polos pés, con frases de cancións coñecidas que teñen unha dramática lectura baixo o foco da violencia machista.
Ata o Auditorio Municipal achegáronse esta mañá os alumnos e alumnas de 4º e 5º de ESO do IES Punta Candieira, para asistir á representación da obra “Vestido de voda”, unha peza de teatro social especialmente dirixida a promover a reflexión sobre a igualdade, os estetetipos de xénero, os mecanismos polos que se exerce o poder… todo a través do diálogo e a participación do público.