O BNG de Narón rexistrou unha moción, para o seu debate no pleno de novembro, solicitando o arranxo das deficiencias do “bowl skate” construído recentemente no barrio de Piñeiros.
O BNG de Narón a través dun comunicado expresa que no barrio de Piñeiros construíuse recentemente un “bowl skate”, un tipo de “skate park” cunha superficie que imita a unha piscina, nun entorno de ocio que inclúe unha zona de “parkour” no barrio de Piñeiros.
“Desde o BNG votamos, xa hai máis de catro anos, a favor de que fose unha realidade este proxecto para a práctica de deporte urbano por parte de xente nova e non tan nova, pero, anos despois, o que nos atopamos no noso concello ao remate das obras é que se realizaron con retraso, é o máis grave, cun resultado deficiente”, declara Olaia Ledo, a portavoz municipal.
A realidade deste “bowl” é que o cemento, sendo este o elemento máis usado para a construción dos mesmos pola súa durabilidade no tempo, xa ten grietas deixando paso á auga que se filtra desde o terreo; a parte fonda do “bowl”, aínda en tempo seco e sen choivas, deixa pozas de auga que impiden a seguridade na práctica deportiva.
Despois dunha elevada inversión por parte da administración atopámonos que hai moitas eivas nestas instalacións.
Por iso, o BNG presentou unha moción ao pleno de novembro na que solicitan ao goberno municipal que lle reclame á empresa construtora deste espazo a reparación das eivas existentes, e de non ser quen de poder xestionalo que procedan a darlle unha solución definitiva a todas elas; tamén que se mude o alumeado público por alumeado deportivo que non deixe zonas de sombra no “bowl” e permita unha práctica deportiva máis segura.
En definitiva “que se faga ben coma noutros concellos que, con orzamentos similares, teñen “skate parks” profesionais” declara Ledo.