Oito das entidades sociais que colaboran con Equiocio Ferrol participan nunha xornada de plantación

Representantes de oito entidades socio sanitarias de Ferrolterra participaron nunha plantación de arbustos, impulsada co apoio de Equiocio Ferrol, no Campo das Cabazas, escenario cada mes de agosto do certame hípico e de lecer familiar. A proposta, destinada a embelecer o acceso ao evento marca o punto e final dos talleres de viveirismo organizados por Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal con usuarios de AFAL Ferrolterra.

A iniciativa xurdiu como unha extensión dos obradoiros promovidos por Equiocio Ferrol que, no primeiro semestre do ano, converteron en xardineiros a integrantes do tecido asociativo que participa habitualmente no certame, mentres os usuarios da sección de horta de Saúde Mental exercían de mestres. Unha proposta que culminaba en xullo cunha plantación de taxetes e alyssums.

Pero en AFAL seguiron aprendendo, e implicáronse tamén nas tarefas de estaquillado dos arbustos que hoxe se plantaban nas Cabazas, coa axuda doutras entidades.

Así, integrantes da Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra, de Aspaneps, de Aspanaes, de Patronato Concepción Arenal, de Affinor, de Mitrata Nepal España, ademais, claro está, dos de Saúde Mental e AFAL, poñíanse mans á obra. O obxectivo foi plantar 280 arbustos de obra (loniceras) que decorarán o corredor de entrada ao evento. Un traballo que agradecía a directora do certame, Ana Pérez Lago.

Desta forma, as entidades vencelladas a Equiocio Ferrol daban continuidade ao labor de posta en valor do Campo das Cabazas, iniciado polos organizadores do certame hai catro anos, coa creación dun xardín botánico e con posteriores plantacións de flores ornamentais. A iniciativa ademais reivindica o traballo de Saúde Mental para fomentar a inclusión laboral do colectivo de persoas con enfermidades mentais.

A plantación desta mañá marca o arranque oficial da organización de Equiocio Ferrol 2024. Unha edición que xa se está a deseñar e na que a organización confía en volver contar co apoio da Xunta de Galicia, Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Estrella Galicia e Gadis.

Lea también

Concentración y lectura de un manifiesto en favor de Pedro Sánchez, en Ferrol

Cerca de un centenar de militantes y simpatizantes del PSOE se han concentrado a partir …