Alumnado dos IES das Telleiras e Terra de Trasancos acudiron a unha charla sobre o libro “Ocho señales. Cuestión de vida o muerte”

Unha das autoras do libro “Ocho señales. Cuestión de vida o muerte”, Noelia Míguez, desprazouse ao salón de actos do IES As Telleiras para falar da citada publicación, da que é coautora a xornalista Patricia Calveiro.

A concelleira de Igualdade, María Lorenzo, explicou que o Concello de Narón organizou este evento, dirixido a alumnado de cuarto de ESO dos dous institutos locais, As Telleiras e Terra de Trasancos. Lorenzo acudiu á convocatoria e conversou con Noelia Míguez, que se presenta como psicóloga experta en violencia de xénero e conta no libro a traumática relación que viviu unha muller coa súa parella, sufrindo malos tratos durante tres anos.

Cando ela tiña 22 anos a situación chegou ao punto de que ese home lle asestou oito puñaladas e deixándoa, entre as feridas da agresión, sorda dun oído. A autora falou da relación “tóxica”, explicándolles aos mozos e mozas os diferentes tipos de violencia que se poden detectar (física, psicolóxica, sexual, económica, patrimonial, social, vicaria) e ofrecéndolles unha serie de indicativos e ferramentas para saír de posibles situacións de violencia machista.

Finalmente, desvela que esa muller, a protagonista do libro, é a propia Noelia. A concelleira naronesa agradeceu a participación de Noelia Míguez neste acto programado polo Concello con motivo do Día Internacional contra a violencia de xénero.

“Esta proposta estaba pensada para un colectivo moi específico e pensamos que unha das persoas que mellor pode conectar con eles é unha vítima desta lacra social, contando en primeira persoa unha vivencia que ninguén debería experimentar e que lamentablemente padecen moitas persoas”, subliñou. A edil agradeceu a colaboración dos institutos locais para poder levar a cabo esta iniciativa.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …