O Concello de Narón celebrará mañá, 23 de novembro, o Día de Narón, festividade local, na Praza 23 de Novembro. Ata alí poderán achegarse todas as persoas que o desexen para desfrutar dos espectáculos de música e teatro programados para a ocasión e tamén da degustación gastronómica na que non faltará, por primeiro ano, a “Tarta de Narón”.
Para público familiar e infantil haberá un espectáculo de teatro: “Rogelio, un pallaso en recuperación”, que se poderá ver entre as 12:00 e as 13:00 horas. A continuación, de 13:00 a 15:00 horas ofreceranse, de balde, callos, bolos preñados e as primeiras porcións da “Tarta de Narón” e para amenizar a xornada, dende as 13:30 ata as 14:00 horas actuará o Grupo de Gaitas do Padroado da Cultura.
Xa pola tarde, dende as 16:30 ata as 17:30 horas actuarán Magín Blanco e a Banda das Apertas e despois, entre as 17:30 e as 20:00 horas retomarase a degustación gastronómica, novamente con callos, bolos preñados e “Tarta de Narón”. O programa pechará coa actuación do grupo musical Assia, que dará comezo ás 18:30 horas.
Dende o Concello naronés convidouse ás veciñas e veciños a sumarse a estes actos para festexar un ano máis na praza 23 de novembro a festividade local, en recordo da data sobre a que se ten constancia, no ano 1837, da primeira acta conservada do Consistorio.