Entregados os «Recoñecementos Meninas 2023», con mención honorífica para a UFAM da comisaría Ferrol-Narón

A entrega dos Recoñecementos Meninas desenvolveuse este martes no Hostal dos Reis Católicos, na semana en que se conmemora o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o 25 de novembro. Estes recoñecementos entréganse anualmente con motivo da celebración do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, para remarcar o férreo compromiso fronte á violencia machista en Galicia.

O evento contou coa presencia do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, que chamou á poboación galega a berrar contra a violencia sobre as mulleres e contra quen edulcora os comportamentos machistas en todos os ámbitos da sociedade. Así o reivindicou no acto de entrega dos recoñecementos Meninas, que concede a Delegación do Goberno en Galicia por sexto ano consecutivo con motivo do 25N.

Na súa intervención, o delegado lamentou o “ano negro” da violencia machista, no que perderon a vida 52 mulleres a mans das súas parellas, dúas delas en Galicia. Tamén lembrou ás máis de 4.700 mulleres que hoxe en Galicia “malviven con algún tipo de protección” fronte aos seus agresores e que están ameazadas “24 horas ao día, 365 días ao ano”.

Fronte a elo, remarcou a acción do Goberno de Pedro Sánchez, que nestes anos materializou a súa axenda feminista en investimentos de ata 70 millóns de euros en Galicia, modificacións lexislativas, avances en seguridade na mellor coordinación cos concellos, con máis de 50 en Galicia dentro do sistema Viogen, e maior sensibilización social. “E imos seguir, con máis lexislación, con máis investimento e con todo o noso compromiso, porque é a nosa razón de ser”, engadiu.

Pedro Blanco sinalou que os recoñecementos Meninas e o resto do programa creado este ano pola Delegación do Goberno polo 25N reflicte con claridade como o Goberno de España entende e loita contra a violencia machista. “Gústame dicir que esta longa batalla a libramos e temos que librala desde todos os ámbitos con educación, con lexislación e con cultura (…) desde a casa e a escola”, remarcou, sinalando que “formamos unha cadea humana contra a violencia machista, somos elos desa cadea e recoñecemos o traballo e compromiso neses ámbitos dos que falo”.

MAXISTRADA PAZ FILGUEIRA

A nivel autonómico, a Menina recae este ano na maxistrada Paz Filgueira, titular durante 10 anos do Xulgado de Violencia contra a Muller de Vigo. O xurado tivo en conta tamén o intenso traballo que desenvolve a maxistrada na formación continua do persoal das Administracións Públicas e dos Corpos e Forzas do Estado en Galicia con respecto ao tratamento das vítimas de violencia machista.

DIRECTOR CP TEIXEIRO JOSÉ ÁNGEL VÁZQUEZ

Na provincia da Coruña, a Menina recoñece o traballo de José Ángel Vázquez, actual director do Centro Penitenciario de Teixeiro. Este funcionario coordina un grupo de profesionais que impulsan varias actividades no centro para promover a erradicación da violencia contra as mulleres en calquera das súas formas.

UFAM-FERROL-NARÓN

Nesta provincia, ademais, o xurado concedeu tres mencións honoríficas: ao persoal da Unidade de Atención á Familia e á Muller (UFAM) da Brigada Local de Policía Xudicial da Comisaría de Ferrol-Narón pola súa entrega, en especial, aos casos relacionados coa liberdade sexual; e ao xefe da Policía Local de Muxía, José Manuel Blanco, pola súa implicación coa protección das vítimas de violencia de xénero deste Concello a través do Sistema Viogen.

XORNALISTA ANA BELÉN PUÑAL

A terceira mención recae en Ana Belén Puñal, doutora en Ciencias da Comunicación e experta na comunicación desde a perspectiva de xénero. Esta mención foi promovida desde o Colexio de Xornalistas de Galicia, subliñando o papel das persoas profesionais da comunicación na promoción da igualdade de xénero.

POLICÍA LUGO

Na provincia de Lugo, a Menina concédese ao proxecto ‘Mulleres de Lugo’, impulsado pola comunidade educativa dos IES ‘Anxel Fole’ e ‘Nosa Señora dos Ollos Grandes’ da cidade de Lugo. Ambos os centros promoveron un traballo de investigación que se traduciu nun calendario escolar para visibilizar, nos centros de ensino da contorna, o papel de mulleres lucenses en campos como o activismo, a ciencia, a literatura, as artes escénicas ou a política.

Nesta provincia, a mención honorífica concédese á policía nacional Cristina Castro, destinada na Unidade de Atención á Familia e á Muller (UFAM) da Comisaría de Lugo.

GARDA CIVIL OURENSE

En Ourense, o recoñecemento Menina é para ONG valoReSC, que ten a súa sede principal na cidade de Ourense. De acordo co xurado, recoñécese o labor profesional das persoas que forman esta entidade fomentado iniciativas positivas en materia de igualdade, e polo seu traballo coas mulleres vítimas de violencia. Recibe a mención honorífica a garda civil Vanesa Domínguez, da Comandancia da Garda Civil de Ourense.

En Pontevedra, recibe o recoñecemento Menina Silvia Pérez, doutora en Socioloxía e profesora na Universidade de Vigo. Acadou en 2018 o primeiro premio estatal de teses doutorais en materia de violencia de xénero, que lle concedeu o Ministerio de Igualdade. 

SOCIÓLOGA U.VIGO SILVIA PÉREZ

Nesta provincia, o xurado concede dúas mencións honoríficas.

A primeira, para o Equipo VIOGEN da 1ª Compañía da Garda Civil de Tui. A mención distingue o traballo e o compromiso persoal dos seis homes e mulleres que forman esta unidade, que instrúe anualmente unha media de 300 atestados relacionados coa violencia de xénero.

A segunda mención recae na Oficina de Atención ás Vítimas do delito nos xulgados de Vigo. Neste caso, foron as propias usuarias desta oficina as que promoveron esta candidatura, amosando o seu agradecemento polo trato, o apoio e a entrega das persoas que traballan nesta unidade.

O xurado, presidido polo delegado do Goberno, Pedro Blanco, analizou as propostas da Unidade de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller da Delegación do Goberno e das Unidades de Violencia sobre a Muller das catro subdelegacións do Goberno nas provincias galegas.

Durante a gala, conducida pola xornalista Aida Pena, tamén actuou o violinista de orixe cubana Marcos Valcarce.

Lea también

La borrasca Caetano obliga a activar alertas nivel naranja y amarillo por vientos y lluvias en Galicia este jueves

Además, MeteoGalicia informa de varios avisos nivel amarillo por lluvias acumuladas puntualmente superiores a los …