A Deputación da Coruña reúne ós responsables dos Servizos Sociais dos concellos para abordar o envellecemento e a soidade non desexada

O Pazo de Mariñán acolle este venres unha xornada coa participación de responsables políticos e técnicos dos servizos sociais dos 93 concellos da provincia.

Servizos Sociais Consorico AS MARIÑAS

A Deputación da Coruña celebra este venres, 7 de novembro, no Pazo de Mariñán (Bergondo), o I Encontro Provincial dos Servizos Sociais Comunitarios, unha xornada de traballo e reflexión que reunirá a responsables políticos e técnicos da área de servizos sociais dos 93 concellos da provincia.

A iniciativa, promovida pola área de Política Social da institución provincial, ten como obxectivo reforzar a cooperación institucional e compartir experiencias e boas prácticas municipais nun ámbito clave para o benestar cidadán. Esta primeira edición estará centrada no envellecemento e a soidade non desexada, un dos grandes retos sociais actuais nun territorio no que a poboación maior de 65 anos xa supera o 25 %.

O encontro será inaugurado ás 9:30 horas polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e pola deputada de Política Social, Mar García Vidal, quen subliñou que “a coordinación entre concellos é esencial para avanzar en políticas de coidado, acompañamento e prevención da soidade, fortalecendo a rede comunitaria e a atención de proximidade”.

A xornada incluirá tres relatorios principais a cargo de especialistas de referencia no ámbito da xerontoloxía, a educación social e a innovación comunitaria. O xerontólogo Javier Yanguas, director científico do Programa de Maiores da Fundación “La Caixa”, abrirá as intervencións cunha charla sobre “O proceso de envellecemento e as distintas etapas da vellez”. Seguiralle a experta Lourdes Bermejo, doutora en Ciencias da Educación e asesora en políticas de coidado, que abordará as claves dunha “metodoloxía de intervención baseada no acompañamento respectuoso e a innovación social”.

A sesión da mañá completarase cunha ponencia de Nova Works Consulting, cooperativa galega especializada en innovación social, centrada na análise e abordaxe da soidade non desexada. Posteriormente, celebrarase un panel de experiencias municipais no que diferentes concellos da provincia presentarán proxectos pioneiros de envellecemento activo e acompañamento comunitario, así como unha intervención do equipo técnico da Deputación para explicar as liñas provinciais de actuación nesta materia.

Xa pola tarde, o programa continuará con dous obradoiros prácticos simultáneos orientados a dotar ás e aos profesionais municipais de ferramentas útiles para deseñar proxectos de envellecemento activo e elaborar guías de recursos contra a soidade.

O I Encontro Provincial dos Servizos Sociais Comunitarios nace coa vontade de consolidarse como un espazo anual de formación, reflexión e coordinación entre profesionais dos servizos sociais municipais, reforzando o papel da Deputación da Coruña como apoio técnico e institucional na prestación de servizos de proximidade e na promoción do benestar das persoas maiores.

Lea también

CNC considera “prácticamente nulo” el impacto de la huelga general en el sector de la construcción

La Confederación Nacional de la Construcción (CNC) informa de que la huelga general convocada para …