Máis de 100 familiares de 20 entidades galegas da discapacidade intelectual reuníronse no Encontro de Familias da Federación

As implicacións que está a ter para as familias a nova Lei 8/2021 que reforma a capacidade xurídica das persoas con discapacidade, a participación familiar no seo das entidades e da propia Federación e a importancia do lecer inclusivo como ferramenta poderosa para construír conexións, desenvolver habilidades e fomentar a independencia das persoas con discapacidade intelectual foron os eixos en torno aos que xirou o Encontro de Familias organizado por FADEMGA.

A inauguración desta xuntanza estivo presidida por Jacobo Rei Sastre, Director Xeral de Familia, Infancia e Dinamización da Xunta de Galicia, Sandra Bastos Míguez, deputada de Igualdade e Benestar Social, Carmen Pomar Tojo, deputada autonómica no Parlamento, Yolanda Otero Balsa, subdirectora xeral de Recursos Residenciais e Atención Diurna para Maiores na Consellería de Política Social e Borja Rubio Somoza, representante do grupo municipal do Partido Popular.

Durante o inicio do acto o Director Xeral de Familia, Infancia e Dinamización da Xunta de Galicia, Jacobo Rei, destacou que “a fortaleza dunha entidade ven determinada pola resposta que da única e exclusivamente ás necesidades e intereses das familias. Neste caso, debemos destacar a agradecer o traballo que ven realizando FADEMGA Plena inclusión Galicia”.

Pola súa banda, o presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia, Eladio Fernández, puxo o foco na importancia da participación, “participando en actividades como a que hoxe nos ocupa, contribuídes a fortalecer as estruturas que prestan atención aos nosos familiares; contribuídes a manter a vivas as asociacións e a propia federación, que ao fin son as verdadeiras plataformas que traballan por mellorar cada día a atención que reciben as persoas con discapacidade intelectual”.

O Encontro de Familias retomouse este ano despois do parón obrigado que supuxo a COVID-19, e novamente logrou congregar a máis de 120 familiares de persoas con discapacidade intelectual de 20 entidades galegas, que se desprazaron ata Santiago para traballar en torno a algunhas das principais preocupacións e inquedanzas das familias, especialmente no referido a aplicación da nova Lei 8/2021, de 2 de xuño, pola que se reforma a lexislación civil e procesal para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica, e que trae novidades como a desaparición da figura da tutela ou a aparición dúas novas figuras: a curatela asistencial e a curatela representativa.

Lea también

A Diputación da Coruña financia campañas de dinamización de comercio

A Deputación da Coruña financia con preto de medio millón de euros actividades de promoción …