Miño asina o protocolo de adhesión ao sistema Viogen

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; o alcalde de Miño, Manuel Vázquez, e o Tenente Coronel Xefe interino da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Fernando Pedreira, asinaron na Xunta Local de Seguridade, o protocolo de adhesión ao sistema Viogen de protección de mulleres vítimas de violencia de xénero.

Tras asinar o protocolo a subdelegada mostrou a súa satisfacción pola incorporación de Miño a este sistema: “Viogen é unha ferramenta imprescindible e necesaria para avanzar na protección de vítimas da violencia machista”; así, subliñou que a “loita contra a violencia de xénero é unha tarefa na que todas as institucións nos debemos implicar ao máximo, e por iso desde a subdelegación do Goberno, imos seguir traballando por ese compromiso”.

Coa incorporación de hoxe do Concello de Miño, son xa 24 os concellos adheridos, o que supón un gran avance. Chegando así ao 42% dos concellos da provincia, tendo en conta que no ano 2018 soamente 3 de eles estaban dentro do sistema, e que os susceptibles de formar parte son aqueles que teñen policía local, concretamente 58 no conxunto da provincia.

Neste sentido, María Rivas fixo un chamamento a aqueles concellos que que aínda non se adheriron ao sistema a Viogen para que o fagan “para que entre todas e todos sigamos dando os pasos correctos na erradicación da violencia contra as mulleres”.

Na provincia da Coruña son 2.192 as mulleres que contan con algún tipo de protección proporcionado pola administración: “a administración local é a máis próxima á cidadanía e por tanto, as policías locais de cada municipio teñen un maior coñecemento da realidade das mulleres que son vítimas de violencia machista no mesmo, polo que poden adaptar e mellorar o servizo que prestan”.

O sistema Viogen permite que a Policía Local dispoña de máis información sobre todos os casos activos de violencia machista no municipio. Deste xeito, os propios axentes locais pasan a asumir o seguimento e control dalgúns destes casos, xeralmente daqueles que son considerados de nivel de risco baixo ou non apreciado. Nos casos de maior risco, é a Garda Civil a que se encarga de realizar o seguimento.

Ademais, a adhesión a Viogen permite aos concellos obter máis fondos do Pacto de Estado para levar a cabo ao longo do ano actividades de prevención e sensibilización en materia de violencia machista. “Porque a seguridade é só unha parte da cuestión, tamén hai que facer outro tipo de traballo de formación en materia de igualdade e no ámbito da prevención” expresou Rivas.

A subdelegada tamén destacou a importancia da colaboración entre todas as administracións implicadas no proceso de seguimento e protección das vítimas xa que “o intercambio de información é fundamental para poder actuar dun modo coordinado e eficaz”.

María Rivas trasladou o seu agradecemento ao alcalde de Miño, Manuel Vázquez, polo esforzo realizado no desenvolvemento das políticas de igualdade e de loita contra a violencia de xénero, tal e como evidencia a incorporación da Policía Local do municipio ao sistema Viogen.

Lea también

A Deputación licita por 224.664€ as obras do firme da DP 4803 en Centroña, Pontedeume

A Deputación da Coruña vén de publicar a licitación das obras de renovación do firme …