A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, reuniuse co vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, para analizar conxuntamente posibles vías de colaboración futura entre ambas administracións para materializar proxectos e actuacións na cidade. A rexedora local, que estivo acompañada polos edís de Obras, Pablo Mauriz, e Turismo, Natalia Hermida, valorou a receptividade do vicepresidente da Deputación “á hora de atender as propostas que lle plantexamos e de comprometerse a estudar a súa viabilidade”.
No encontro mantido na sede da administración provincial recordaron a recente colaboración da Deputación nas obras de rehabilitación do muíño de Xuvia, cun investimento de 1,2 millóns de euros dos que a UE aportou 500.000 a través dun programa solicitado dende o Concello; a Deputación 400.000 euros e o Concello os 300.000 restantes. “É unha satisfacción ver como neste caso, o traballo conxunto nos permitiu recuperar unha das xoias do noso patrimonio”, destacou Ferreiro.
A alcaldesa recalcou que “queremos que as liñas de traballo dos vindeiros catro anos continúen o mesmo camiño, apostando pola colaboración entre as administracións para cofinanciar proxectos dos que poidan desfrutar as nosas veciñas e veciños e tamén a xente de fóra que se achegue ao noso concello”.
Ferreiro incidiu na “boa sintonía que na cidade sempre tivemos co vicepresidente da Deputación da Coruña para colaborar con nós” e agradeceulle a celeridade na concesión da entrevista para poder abordar os diferentes asuntos tratados».