Fene avalía os danos producidos polas inundacións da noite do luns

O Concello de Fene continuou coas tarefas de limpeza e avaliación de danos nas áreas afectadas polas inundacións que tiveron lugar na tarde do luns, con especial incidencia no treito urbano e nomeadamente no entorno da Rúa Río Cádavo, onde afectou a diversas vivendas e garaxes de edificios.

No último mes, no que se sucederon episodios de fortes choivas e alertas meteorolóxicas, o Concello de Fene mantivo reténs preventivos practicamente todos os días para facer fronte ás pequenas incidencias que se foron producindo polas inclemencias do tempo. Así foi tamén o luns, cando preto das 20h o Río Cádavo desbordou en varios puntos desde Sillobre até Perlío, coas consecuencias que xa se coñecen.

Persoal municipal da área de Obras e Servizos, xunto con Protección Civil e Policía Local traballaron conxuntamente durante a tarde do luns e a madrugada do martes para reducir o impacto das inundacións nas rúas, vehículos, vivendas e garaxes. Entre outras accións, colocáronse sacos de areas nas zonas de maior impacto, colaborouse na localización e retirada de vehículos estacionados e dispuxéronse bombas de achique para retirar a auga de vivendas e garaxes afectados.

Labores de limpeza e avaliación de danos

Tras as primeiras actuacións de emerxencia, e despois de ter baixado o nivel da auga no río, no día de onte e ao longo desta xornada os traballos céntranse nas labores de limpeza e nunha primeira avaliación de danos.

Procedeuse á retirada de restos de lodo acumulados polas riadas, así como tamén a realizar un posterior baldeo para que as rúas poidan recuperar a normalidade coa maior celeridade. Así mesmo, efectivos municipais acompañados pola Concelleira de Seguridade e Servizos, Sandra Permuy, realizaron unha primeira avaliación dos danos producidos en toda a área.

Froito da mesma, detectáronse problemas no firme en varios puntos, así como tamén nunha escollera nas proximidades da zona na que o Río Cádavo inicia o seu trazado canalizado. “Tras a inspección ocular observamos que os danos son cuantiosos, e agora procederá facer unha valoración técnica e económica para resolvelos canto antes”, sinalou a concelleira Sandra Permuy.

A concelleira engadiu que “sería bo coñecer tamén se vai haber algún tipo de axuda ou achega económica por parte da Xunta como Administración responsábel da xestión hidrolóxica”, e lamentou que “até o de agora ninguén da Administración autonómica se puxo en contacto co Concello de Fene para coñecer o alcance do acontecido”

O goberno municipal de Fene ten promovido nos últimos anos a redacción de varios proxectos para a mellora da situación, que á súa vez puxo a disposición da Demarcación de Costas do Estado responsable do treito final do río tras o cruce da Avenida Marqués de Figueroa e de Augas de Galicia, organismo con competencias no trazo anterior, onde se veñen producindo as últimas inundacións.

Denuncian desde o goberno local que Augas de Galicia “continúa sen dar información sobre o estado de desenvolvemento do PEGRI (Plan Especial de Xestión de Riadas e Inundacións)”, un documento “fundamental para desenvolver un plan de actuacións fronte as inundacións para os próximos seis anos”.

Lea también

Los jovenes participantes en el campamento digital en Valdoviño, recogen sus diplomas

El Centro Sociocomunitario de Valdoviño acogía en la mañana del jueves 10 la entrega de …