O venres 31 será a Pasaxe do Medo ás 20:30 nos xardíns de Lombardero, precedida do pasarrúas da Santa Compaña de 19:00 a 20:00 polas rúas da vila. A festa infantil comezará ás 17:15 do sábado 1 na praza Real e seguirá na alameda de Raxoi, onde tamén será, ás 20:00, a celebración organizada pola Comisión de Festas das Peras.
O Concello de Pontedeume prepárase para celebrar o día máis terrorífico do ano, o Samaín, por todo o alto con numerosas actividades. Estas inclúen a Pasaxe do Medo, a festa Infantil ou a festa de Samaín da comisión de festas das Peras.
De 19:00 a 20:00 do propio venres 31 de outubro será o pasarrúas da Santa Compaña, que poderá ser acompañada pola cativada e maiores co seu disfrace máis terrorífico. Entregaránselle caramelos sen azucre e sen glute ás persoas participantes.
A nova edición da Pasaxe do Medo será o venres ás 20:30 nos xardíns de Lombardero. Trátase dunha actividade xa asentada no municipio que colleitou unha excelente acollida en edicións anteriores. Ademais, o día 31 terán lugar tamén as visitas guiadas ao cemiterio municipal impulsadas pola concellería de Turismo. Comezarán ás 17:00, con punto de encontro no propio cemiterio, e será necesario inscribirse no correo electrónico oficinaturismo@pontedeume.gal ou no número de teléfono 981 430 270.
As visitas estarán limitadas a un máximo de 20 prazas, e en caso de que as condicións meteorolóxicas impidan que teñan lugar axeitadamente, serán adiadas a outra data aínda por determinar. Dende o Concello informarase o antes posible sobre esta cuestión.
A Festa Infantil comezará ás 17:15 do sábado 1 de novembro coa concentración na praza Real, e seguirá ás 17:30 cos obradoiros e ás 18:00 coa festa terrorífica na alameda de Raxoi. Dende o Concello anímase á cativada e a veciñanza en xeral a traer disfrace para participar nas celebracións. En caso de choiva, as actividades serán no pavillón do IES Breamo.
Ás 20:00 do mesmo día será a quenda da Festa de Samaín organizada pola Comisión de Festas das Peras 2025 coa colaboración do Concello. Haberá bocatas de liscos e bebidas a prezos populares, sorteos de agasallos, e música de baile a cargo do DJ Alberto Gilabert entre as 20:30 e as 23:30.
 Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
				 
			




 
						
					 
						
					 
						
					