O Concello de Narón mantén aberto o prazo para inscribirse no obradoiro “Sementando futuro”, dirixido a menores de 6 a 12 anos e que se desenvolverá este sábado 18, no Centro Cívico Social do Couto, de 11:00 a 12:00 horas.
O Servizo de Normalización Lingüística de Narón organiza esta actividade a través da concellería de Política Lingüística, dirixida pola edil María Lorenzo. O obradoiro conta cun total de quince prazas para menores, que deberán ir acompañados dunha persoa adulta.
Durante o mesmo empregarán materiais de refugallo achegados polos asistentes e sementes autóctonas, para coñecer dun xeito lúdico os pasos correctos para crear e manter un viveiro propio de árbores autóctonas.
As persoas interesadas en asistir poden inscribirse a través do correo: a.pita@naron.gal, indicando o nome da actividade, o nome e idade do neno ou nena e o nome da nai, pai ou persoa acompañante, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto.