A Deputación da Coruña licita por 375.000€ a rehabilitación do antigo hospital de Peregrinos de Pontedeume

A Deputación da Coruña vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado a licitación das obras de rehabilitación do antigo hospital de peregrinos, un inmoble histórico situado na rúa Atafona da localidade eumesa e construído do polo arcebispo Raxoi no século XVII a carón da Igrexa de Santiago.

As obras de rehabilitación do inmoble suporán un investimento de 375.360 euros, financiados ao 100% pola Deputación mediante fondos Next Generation EU do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.

A finalidade da actuación é rehabilitar este inmoble histórico, que actualmente se atopa en avanzado estado de ruína, para o seu uso como albergue de peregrinos. O inmoble era un antigo hospital no que se atendía aos peregrinos na súa viaxe a Santiago de Compostela.

Con estas obras, a Deputación  sufragará a rehabilitación integral do inmoble con materiais nobres e respectuosos co edificio orixinal como pedra e madeira. As obras inclúen a recuperación dos muros perimetrais existentes e a execución dunha cuberta tradicional similar á que tiña antigamente para adaptar a edificación ao seu novo uso como albergue de peregrinos. Planifícase un proxecto dunha única planta, preparado para unha futura ampliación na que se incluiría unha planta intermedia.

Con respecto ás instalacións interiores, o proxecto contempla nova carpintería e arquitectura interior do inmoble, novo circuíto eléctrico e de telecomunicacións, así como a acometida de auga e saneamento e os seus correspondentes novos recorridos interiores. A superficie total da intervención é de 145, 5 metros cadrados.

O alcalde de Pontedeume e portavoz do Goberno da Deputación, Bernardo Fernández, destacou a importancia desta obra para “recuperar o patrimonio histórico de Pontedeume e, ao mesmo tempo, dotarnos dun novo albergue de peregrinos nun concello no que o Camiño de Santiago está a ter unha repercusión cada vez máis importante”. Desde 2019, o número de peregrinos que percorre o Camiño Inglés pasando por Pontedeume incrementouse nun 50%.

Fernández agradeceu tamén o compromiso do Goberno de España, financiado as obras a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, no marco do Plan de Sustentabilidade Turística (PSTD) das Fragas do Eume impulsado pola Deputación da Coruña, o que permitirá que Pontedeume poda recuperar este edificio histórico e darlle un novo uso

Lea también

Máis de 100 caniches de todo o Estado danse cita en Fene na II Canichada de Galicia

110 cans de raza caniche están apuntados para participar na “II Canichada de Galicia”, que …