Ferrol en Común a través dun comunicado expresou este martes, que «na Comisión Extraordinaria de Participación Cidadá resolvéronse as reclamacións e alegacións presentadas ao Regulamento de Organización Interna do Concello de Ferrol que elaborou o Partido Popular fai uns meses»
Ferrol en Común «rexistrou en prazo e forma 9 achegas das cales tan só foron aceptadas dúas, a referida ao artigo 20.1 onde pedimos que se engada a figura do secretario de grupo municipal e a referida a redacción do Regulamento aplicando as normas da linguaxe inclusiva e igualitaria tal e coma obriga a Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes».
«O resto das nosas achegas en relación a eliminar a limitación da liberdade de expresión coa estipulación de 2 mocións por pleno, a eliminación do control das intervencións, a inclusión do uso do galego coma lingua oficial ou a eliminación dos novos postos que se crean neste Regulamento e non que non veñen a solucionar os problemas de persoas que seguen vixentes no Concello, son desestimados polo goberno municipal»
FeC reitera «o seu desacordo con este Regulamento que limita o exercicio político das forzas da oposición, réstalle competencias ao Pleno do Concello e crea postos de Coordinación e Dirección que supoñen máis de 200.000€ pero que non reforzan o cadro de persoal, ademais de non ser elixidos polos procedementos de selección de persoal senón por libre designación».
Pola súa banda, Iván Rivas, do Bloque Nacionalista Galego, denunciou tamén esta mañá a nula vontade de diálogo do PP diante das propostas achegadas polo BNG ao regulamento de funcionamento orgánico que hoxe presentou na comisión de participación o goberno local.
O portavoz nacionalista advertiu do feito de que o PP rexeitou todas as propostas realizadas polo BNG ao texto, incluso á que facía referencia á necesidade do uso da lingua galega polas persoas membros desta corporación en función do cargo público que ostentan, e que amosa o pouco interese que ten o PP en fomentar o uso do galego aínda que só sexa no ámbito da administración pública.
As propostas realizadas polo BNG pretendían incrementar a participación dos colectivos sociais da cidade nos plenos municipais suprimindo a limitación do número de mocións a presentar ao pleno e habilitando a posibilidade de que asociacións e colectivos da cidade puidesen expoñer as súas demandas e problemas no pleno municipal, un feito ao que desde o goberno local sempre se amosou un total rexeitamento.
Por outra parte desde o BNG demandabamos ao goberno a necesidade de contratar persoal funcionario no canto de incrementar o número de asesores ao servizo do PP.
A negativa a contratar persoal funcionario mediante procesos selectivos transparentes e igualitarios para así incorporar máis asesores, pon en evidencia o uso tramposo que o Alcalde desta cidade pretende facer da incorporación de Ferrol ao réxime de grandes cidades.
Unha incorporación que non leva aparellado o cambio de réxime de financiamento e que suporía maiores ingresos para Ferrol, do mesmo xeito que acontece no resto de cidades e galegas, e que por tanto se limita a crear unha administración paralela mediante a contratación de novos asesores e que lle van a supoñer aos veciños e veciñas, de primeiras, un gasto de 225.000 euros ao ano pola contratación destes 3 primeiros directivos e que poderían chegar até 10.
Unha proposta de regulamento que ademais pon en evidencia o cinismo do PP. Un PP que en palabras do actual Alcalde, o Sr. Rey Varela no ano 2008, aseguraba que a modificación do regulamento para a incorporación de Ferrol ao réxime de grandes cidades unicamente tiña como fin “enchufar a 10 persoas e restar participación á oposición”