A Biblioteca municipal de Narón abre este martes 7 o prazo de inscrición na actividade “Desmontando o Concello de Narón”, unha proposta lúdica dirixida a menores a partir de catro anos e que se inclúe no marco de actividades programadas con motivo do Día de Narón, que se conmemorará o vindeiro 23 de novembro.
A cita dará comezo ás 11.00 horas na Biblioteca municipal e as persoas interesadas en participar poden anotarse dende o citado martes ás 16:00 horas de xeito presencial nas citadas instalacións ou chamando ao número de teléfono 981 382 173 no horario de apertura.
Os nenos que desexen participar poderán desfrutar dunha actividade na que descubrirán as características do concello naronés, coñecendo parte da súa historia e tamén a división xeográfica do Concello, tal e como explicou a concelleira de Bibliotecas, Olga Ameneiro.
Os menores poñerán a proba os coñecementos adquiridos realizando un xogo de pistas na sala infantil da Biblioteca, onde atoparán as pezas coas que formar o crebacabezas de Narón. Para poder participar é preciso que os nenos teñan o carné da rede de bibliotecas sen sancións pendientes, tal e como recordou a concelleira da área.
A edil naronesa animou ás familias de Narón a participar nesta convocatoria, “didáctica e ao mesmo tempo lúdica, para coñecer máis polo miúdo a cidade e parte da súa historia”.