A Deputación da Coruña completa unha senda peonil entre Ares e Redes

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde de Ares, Julio Iglesias Redondo, e a deputada responsable da área de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, acompañados por técnicos do departamento provincial de estradas e concelleiras do goberno municipal visitaron distintas obras financiadas pola Deputación no municipio, entre elas, a senda peonil que conecta Ares e Redes e a derradeira fase da ampliación e mellora da estrada Ares-Chanteiro.

Formoso e Iglesias percorreron senda xa completada da estrada provincial DP 0401 que conecta os núcleos de Ares e Redes. Unha senda de algo máis de 3 quilómetros, a maior parte nunha longa recta que permite camiñar con seguridade nas marxes deste vial, que carecía de beiravías.

A Deputación da Coruña investiu 748.038 euros nesta obra, unha cifra á que se suman os 30.850 euros destinados ás expropiacións dos terreos necesarios para acometer o proxecto.

“Estamos nunha obra que era moi demandada e que é froito dun compromiso co alcalde e coa veciñanza, que reivindicaba desde hai tempo unha zona segura para poder camiñar nuha estrada tan transitada coma esta, especialmente no verán, xa que dá acceso a algunhas das principais praias de Ares”, afirmou Formoso, que considerou que “esta senda era claramente necesaria e penso que é un acerto tela feito”.

Formoso referiuse tamén ás obras da estrada DP 0402 Ares-Chanteiro, que supuxeron un investimento de 1,9 millóns de euros para a mellora integral dos perto de cinco quilómetros deste vial, que incluiron o ancheamento da plataforma e a construción de sendas en ambas marxes da calzada.

“Son obras de grande magnitude, longas no tempo, e que inevitablemente xeran molestias á veciñanza durante a súa execución, pero creo que o esforzo pagou a pena e que hoxe os veciños de Redes e de Chanteiro gozan de estradas máis amplas e seguras e de beirarrúas que permiten circular a pé con absoluta seguridade”,  apuntou o presidente da Deputación.

Pola súa banda, o alcalde de Ares, Julio Iglesias Redondo, agredeceu o investimento da Deputación para a mellora de ambas as súas estradas, que suma arredor de 2,7 millóns, e que supoñen unha notable mellora da seguridade vial no municipio.

O alcalde solicitou a colaboración da Deputación para acometer a última fase da estrada de Pedrós, que une Ares con Pedrós e a estrada de Franza.

Preto de 2 millóns en Ares-Chanteiro

Formoso e Iglesias visitaron tamén a estrada DP 0402 Ares-Chanteiro, nas que a Deputación da Coruña investiu 1,9 millóns de euros para ampliar a calzada, contruír sendas peonís, glorietas que melloran a seguridade das interseccións, zonas de aparcamento, recollida de pluviais e alumeado. 

As obras abarcan un total de 4,7 quilómetros e supuxeron unha importante transformación da estrada, que agora permite unha circulación segura tanto para o tráfico rodado como para os desprazamentos a pé dos veciños de Chanteiro.

“A Deputación da Coruña pon a súa capacidade inversora ao dispor dos concellos e en Ares temos un bó exemplo de cómo estes dous proxectos contribúen de forma moi importante a mellorar a seguridade vial no municipio”, subliñou Formoso.

Lea también

Un taxista logra salvarse, a nado, tras precipitarse su coche al mar en As Pías, Fene

Sobre las doce y veinticinco de este jueves, día 21, saltaron todas las alarmas al …