Narón presenta a oitava edición do «Premio Joven Empresario/a» organizado por AJE Ferrolterra

Reunidos hoxe no Concello de Narón a alcaldesa, Marián Ferreiro; a concelleira de Promoción Económica, Olga Ameneiro; a presidenta da Asociación de Jóvenes Empresarios de Ferrolterra, Yadira Tenreiro; e o vicepresidente desta mesma asociación, Ismael Rivera, anunciouse a celebración do seu VIII Premio Joven Empresario/a coa colaboración directa do Concello.

Este acto, que é un dos eventos máis importantes que organizan dende AJE Ferrolterrra, vai dirixido a recoñecer a labor dos/as empresarios/as e emprendedores/as das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Para postular a calquera das dúas principais categorías son requisitos indispensables, que o/a empresario/a non supere os 41 anos, tal e como figura nas bases da convocatoria, e ter o domicilio social radicado nun municipio que pertenza a estas tres comarcas.

A alcaldesa, felicitou a AJE por esta nova convocatoria, “ofrecendo ao colectivo ao que se dirixe unha oportunidade de obter un recoñecemento ao seu labor e fomentando o sector empresarial e o emprendemento nesta zona”. Así mesmo, animou a participar no certame, presentando a documentación pertinente ata o 6 de novembro no mail info@ajeferrolterra.org.

A presidenta de AJE explicou que se concederán un total de catro premios: ao Joven Empresario/a 2023, á Iniciativa emprendedora, e haberá un Accésit á Innovación e outro á RSE. Os/as gañadores/as, obterán becas por cortesía da Iffe Business School para cursar algún Máster na súa Escola de Negocios, valorado o total en 20.500€. Ademais, nas dúas principais categorías haberá un premio cunha dotación total de 1.500€ en Galitur, grazas a súa colaboración, e un total de 1.000€ para os Accésit por cortesía de Coca-Cola e Gadisa.

Un xurado especializado formado por distintas entidades, encargarase de elixir as gañadoras ou gañadores desta edición, segundo os criterios de valoración marcados nas bases do concurso, que se poden consultar na web da entidade. O acto de entrega de premios terá lugar o vindeiro 10 de novembro, ás 19.00 horas, no muíño de Xuvia. Dende o Concello, esta ubicación concíbese como unha oportunidade para promocionar o patrimonio da cidade e amosar aos asistentes ao acto as instalacións do muíño trala súa recente restauración. Así mesmo, para a asociación representa unha verdadeira sorte poder celebrar o concurso nunha ubicación con tanta historia.

Para rematar, a presidenta de AJE Ferrolterra agradeceu a colaboración prestada, unha vez máis, dende o Concello de Narón, e expresou os seus desexos para que no seu primeiro ano á fronte da dirección da asociación se conte cunha elevada participación.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …