Concello de Valdoviño e 30 negocios alíanse nunha campaña de dinamización do comercio

O Concello, xunto a comercios e despachos profesionais, pon en marcha «Valdoviño Comercio Explorer», unha campaña de dinamización da actividade comercial e profesional da Porta do Sol e a súa área de influencia. Un total de 30 dos 38 negocios situados entre a rotonda de Robles e o vial de acceso ao CPI Atios participan na iniciativa, que incluirá unha acción de promoción en redes sociais baixo a marca «Comercio local, o da casa», e unha xincana por parellas coa que animar a visitar os negocios e, de modo lúdico e con premio, coñecer a súa oferta de produtos e servicios.

Comerciantes e profesionais da Porta do Sol protagonizarán a campaña en redes -Facebook e Instagram- ao longo do mes de novembro. Abrirán as portas dos seus negocios para dar a coñecer a súa historia e a súa oferta, demostrando que Valdoviño ten moito máis do que cremos a simple vista. Emprendedores, profesionais veteranos, establecementos de toda a vida con outros de recente actividade únense na campaña para amosar unha oferta de sectores moi variados.

Alimentación, moblería, librería e papelería, mercería, farmacia e ortopedia, perruquería, fisioterapia, podoloxía, odontoloxía, maquinaria, forxa… así mesmo, nas diferentes publicacións ofreceranse pistas para resolver o enigma final da xincana prevista para o 9 de decembro. Un xogo para o que se abrirá inscrición previa, e co que o Concello quere convidar a nenos/as e maiores a visitar os locais e coñecer a súa oferta, contestando a unha serie de preguntas que formularán os propios comerciantes. As parellas que contesten correctamente e no menor tempo posible optarán a cheques agasallo para trocar nos establecementos adheridos.

Unha campaña, en definitiva, coa que alentar o consumo no municipio divulgando a oferta dos negocios e aqueles valores que os definen, como o trato cercano, a atención personalizada e un produto de calidade.

Participan na iniciativa: Herrería Jaime, Frutas Chantarela, Electro Agro Valdoviño, Gran Casa China, Asesoría Tax, Mapfre, Lavandería Valdoviño, Farmacia Casariego, Aliprox, Muebles Valdoviño, Electrodomésticos Nito, Agrogar, Frutas y Hortalizas Nieves e Hijo Juan, Despeluxada Peluquería, Clínica Dental Couce, Con fío de Inés, Ultramarinos Josvy, Talleres Casiano, Clínica Podológica Inés Ferreira, Farmacia Romero Rico, Dia, Pescadería A Nosa Ría, Rainbow Idiomas, Rehafis, Fisioterapia y Salud, Maranello Estilistas, A Tenda da Morriña, Floristería Luz, Librería Xeila, Confitería Campeiras, Loterías Chamba.

 

Lea también

“IV Jornadas micológicas de Neda”

La Asociación micolóxica Viriato organiza la próxima semana, con la colaboración del Ayuntamiento, las “IV …