Narón abre o prazo de inscrición nun obradoiro de defensa persoal dirixido a mulleres

O Concello de Narón abre o prazo de inscrición nunha proposta que se levará a cabo con motivo do Día Internacional contra a violencia de xénero. A concelleira de Igualdade, María Lorenzo, anunciou que se organizou un obradoiro de defensa persoal aberto á participación de nenas e mulleres.

O obradoiro de defensa persoal terá lugar os días 18 e 25 deste mes nas instalacións do Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros. O instrutor policial e experto en defensa persoal feminina José Rodríguez e a doutora en psicoloxía Madó González, encargaranse de impartir as sesións, en horario en ambas xornadas de 10.00 a 13.00. O obradoiro, de balde, diríxese a mulleres e nenas a partir de 12 anos empadroadas no Concello de Narón –as menores deberán ir acompañadas dunha muller adulta-. As inscricións deben realizarse ata o 14 deste mes chamando en horario de mañá, de 8.00 a 14.00 ao número de teléfono 633 497 990.

A edil naronesa explicou que no obradoiro se abordarán contidos xerais–posturas defensivas, saber caer e levantarse, moverse e desprazarse, defenderse, atacar…- e tamén de carácter preventivo –precaución, detección e evitación- e vencellados á actuación –armas naturais do corpo, zonas de golpeo, técnicas, vantaxes, incapacitar, fuxir…-. Así mesmo, abordaranse os principios básicos de seguridade e defensa persoal –prevención, actuación, escapar…- os contidos relacionados coa resolución –comunicar a familiares e amigos e denunciar- e principios básicos da psicoloxía e defensa persoal.

Como actuar no caso de que nos agarren, intentos de golpeo, agresións no chan, uso do spray de autoprotección… son algunhas das áreas nas que se traballará nestes obradoiros, centrados en aspectos físicos e tamén psicolóxicos”, explicou María Lorenzo.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …