A Deputación financia 411.000 horas de servizo de axuda no Fogar e contrata a 179 profesionais

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, e o presidente do  Consorcio das Mariñas, José Antonio Santiso Miramontes, inauguraron no Pazo de Mariñán o X Encontro dos Servizos Sociais Comunitarios, unha unha xornada dirixida a alcaldes, concelleiros  e persoal técnico da área Servizos Sociais dos concellos que forman parte do Consorcio das Mariñas.

A deputada de Política Social destacou o compromiso do goberno provincial co mantemento dos servizos sociais municipais “os máis cercanos á cidadanía, os que cada día reciben e resolven centos de problemas que afectan ás persoas máis desfavorecidas ou que atravesan situacións difíciles”.

“Somos conscientes da dificultade e o gran esforzo que supón para un concello pequeno contar con profesionais especialistas no ámbito social, por iso nos últimos anos duplicamos a dotación económica do programa de Servizos Sociais Comunitarios, permitindo que os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia da Coruña podan contratar persoal administrativo, técnico ou de axuda a domicilio”, afirmou a deputada, que destacou que esta cantidade económica permite contratar este ano a 179 profesionais da área social nos municipios e financiar 411.000 horas de Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Estes profesionais prestan atención e servizo cada día a milleiros persoas con problemas de índole social, que con frecuencia pertencen a diversos colectivos especialmente vulnerables: infancia, mulleres maltratadas, persoas con especiais dificultades de inserción laboral,  maiores sen recursos, persoas sen fogar ou con discapacidade, explicou a deputada.

Mar García destacou que, para o Goberno provincial, a área social é unha prioridade e citou outros programas da Deputación que contribúen a apoiar ás persoas que máis o necesitan coma a Teleasistencia, que chega a 3.200 persoas maiores na provincia, as liñas de axudas para entidades sociais que chegan a 273 asociacións da provincia ou o financiamento da asesoría xurídica social do Consorcio das Mariñas, que o ano pasado recibiu 656 consultas de persoas en situación vulnerable que non poden acceder a soporte xurídico.

Durante a xornada de hoxe, maís de 80 técnicos e concelleiros de Servizos Sociais dos concellos dos municipios do Consorcio das Mariñas (Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Oleiros, Culleredo e Sada) formaranse e debateran sobre aspectos relacionados co seu labor diario e analizarán os retos de cara ao futuro no ámbito dos servizos sociais.

Lea también

La borrasca Caetano obliga a activar alertas nivel naranja y amarillo por vientos y lluvias en Galicia este jueves

Además, MeteoGalicia informa de varios avisos nivel amarillo por lluvias acumuladas puntualmente superiores a los …