Na sesión plenaria celebrada o xoves 26 dende as 19.00 horas, no Concello de Narón aprobáronse dúas mocións presentadas por Terra Galega instando á Xunta de Galicia e á Deputación da Coruña a incluir nos seus orzamentos do vindeiro ano investimentos específicos para a cidade.
Na presentada sobre a Xunta, coa abstención dos edís do PP, saíu adiante reiterar algunhas das demandas xa plantexadas en anos anteriores, tal e como recordou o voceiro de TEGA, Román Romero.
Un centro municipal de atención ás persoas maiores, un centro integrado de Formación Profesional, a ampliación da escola de Sedes, a xestión das escolas infantís por parte da Xunta, a implantación dunha liña de transporte urbano que comunique os barrios da Gándara e a Solaina co centro de saúde e os institutos locais forman parte de esas demandas.
No que respecta á moción presentada sobre os orzamentos da Deputación, que foi aprobada por unanimidade, TEGA solicita, entre outras actuacións, a construción das beirarrúas da estrada do Feal, o ensanchamento da estrada de San Xiao, a renovación de beirarrúas na avenida Souto Vizoso e na Concepción Arenal, avenida de Santa Icía e estrada da Gándara, sendas peonís en Santa Margarida, na estrada do Trece e en Castro, entre outras actuacións.
Así mesmo, na sesión aprobouse unha moción sobre sobre a situación do transporte na comarca, denunciando a voceira do partido, Olaia Ledo, os problemas que padece o servizo e que afectan á veciñanza. Dende a formación, reclamouse á Xunta, co apoio de todos os edís menos os populares que se abstiveron, unha solución urxente a estes problemas.
Instarase tamén á Xunta a reforzar o servizo de transporte escolar de Bacharelato para a mocidade do rural e a incluír no convenio de transporte metropolitano unha liña aos polígonos de Río do Pozo e As Lagoas.
Na sesión plenaria saíu adiante unha modificación de crédito a través da que se procederá a sufragar unha serie de actucións, entre elas a aportación municipal ao Laboratorio da enerxía, actuación enmarcada nos fondos europeos Next Generation e á que o Consistorio achegará 51.560 euros.
No pleno acordouse tamén renunciar a participar o servizo de Normalización Lingüística do Concello coa Mancomunidade na solicitude dunhasubvención á Deputación para crear e manter ese servizo o vindeiro ano. A maiores, tamén saíu adiante a proposta de aprobación da prórroga do convenio Memorial Adolfo Ros, ao que se realizará unha achega de 4.198 euros.
O Plan Normativo correspondente a 2024 foi outro dos asuntos aprobados por unanimidade na sesión plenaria.
No apartado de mocións aprobouse tamén a presentada polo PSOE instando á Xunta a asumir a xestión da prestación do servizo de madrugadores o vindeiro curso en solitario ou a través dun convenio de colaboración co Concello.
Dende os tres grupos da oposición acordouse tamén que no caso de que a Xunta denegue o servizo ou non se coñeza predisposición a facelo realizable, tal e como consta na moción, o Concello de Narón sexa o que continúe asumindo os custes do servizo, cuxa competencia é da Xunta de Galicia.