A deputada provincial Mar García Vidal participou no multiusos Terra de Xallas de Santa Comba no acto organizado con motivo do Día Internacional da Muller Rural pola Deputación da Coruña, en colaboración con FADEMUR.
Na inauguración do acto, ademais da deputada responsable de Política Social, participaron a presidenta de Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur- Galicia), Verónica Marcos, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e o alcalde de Santa Comba, Alberto Romar.
Mar García destacou “o importante papel desempeñado polas mulleres no desenvolvemento do rural galego” e considerou que este evento, ademáis dunha oportunidade para reunirse unha vez ao ano, “é unha oportunidade para reflexionar sobre o traballo, a miúdo invisible, que miles de mulleres rurais realizamos a diario para mellorar o noso entorno”.
A deputada lembrou as súas orixes na granxa que foi o sustento da súa familia durante anos e destacou “o compromiso da Deputación da Coruña para facer fronte aos principais problemas do rural, que perde poboación debido á falta de servizos e infraestruturas ou de oportunidades de emprego”.
Neste sentido, citou as máis de 3.000 obras impulsadas polo Plan Único da Deputación nos pequenos municipios da provincia, a posta en marcha dunha rede de espazos de coworking para fixar o talento da mocidade no rural, ou as numerosas axudas que o organismo provincial destina cada ano a apoiar as asociacións rurais e as pequenas empresas de sectores clave para o desenvolvemento rural como o mar, o agro e a gandería.
Pola súa banda, a presidenta de FADEMUR Galicia, Verónica Marcos, lembrou as 51 mulleres asesinadas por violencia machista no que vai de ano e reivindicou que a loita contra a violencia de xénero “debe ser unha prioridade de todas as administración e tamén do asociacionismo de mulleres rurais”
Verónica Marcos reivindicou tamén a importancia das mulleres para loitar contra a despoboación no rural. “Nesitamos empregos dignos, axudas para emprender e para conciliar, políticas de envellecemento activo e servizos cercanos”, dixo a presdienta de Fademur Galicia, que destacou tamén a importancia de “mudar a imaxe que o urbano ten do rural”.
Marcos relatou a “grata sorpresa que nos levamos ao buscar información para levar a cabo a mesa redonda sobre mulleres no deporte, pois moitas mulleres de concellos do rural chegaron a altas competicións”.
Pola súa banda, o secretario xeral de UU.AA, Roberto García, afirmou que “das decisións que se tomen hoxe depende o futuro do rural. O rural non é só agricultura e gandería, pero sen agricultura e gandería, o rural estará dominado polo lume e o lobo”, apuntou.
García incidiu na importancia de que se respecte e aplique a Lei de Cadea Alimentaria impulsada polo Goberno de España, para “que non se vendan produtos por menos dos que nos costa producilos”.
Pola súa banda, o alcalde de Santa Comba, Alberto Romar, declarouse “orgulloso de que o noso municipio acolla esta xornada, que ten como obxectivo subliñar e reivindicar o papel da muller no rural”.
Con este acto, tanto a Deputación da Coruña como FADEMUR, buscan contribuir a poñer en valor e mellorar a visibilidade ante a sociedade do papel decisivo que desempeñan as mulleres no desenvolvemento social e económico da nosa comunidade e a loita contra o despoboamento.
Recoñecementos a referentes das mulleres rurais
Durante a gala entregáronse distintos recoñementos para subliñar o papel da muller en diferentes campos e destacar o seu labor.
A xornalista de La Voz de Galicia en Santiago, Emma Araújo, recibiu o galardón polo seu labor no eido da comunicación. Emma é xornalista desde hai máis de 30 anos, cubre a información local das comarcas de Xallas, Barcala e Ordes e pertenece á directiva da Asociación de Xornalistas Galegas, onde reivindican o xornalismo con perspectiva de xénero.
Rocío Osorio recibiu o recoñecemento á posta en valor polos nosos produtos. Osorio é responsable do deseño e a elaboración dos produtos da marca galega de velas artesanas “Rocigarcía”. Esta marca nace en 2021 en Betanzos, un taller de cerería contemporánea onde se aposta por crear produtos de alta calidade, coas mellores materias primas locais, respectuosos co medio ambiente e cun deseño minimalista e actual.
Por outra banda premiouse a Mercedes Quintáns, como compromiso co seu sector primario e o territorio. Mercedes, de 72 anos, naceu una aldea da Igrexa no Concello de Val do Dubra, onde foi titular dunha explotación de vacún de leite ata que se xubilou por unha incapacidade. Ademais, participou activamente no sindicalismo agrario da comarca do Xallas Barcala, igual que toda a súa familia.
O último dos recoñecementos recaeu en Verónica Boquete, que foi distinguida polo seu compromiso coa igualdade e o medio rural. Boquete non pudo asistir ao acto, pero enviou un vídeo de agradecemento. O seu galardón foi recollido por María Bardanca.
Vero Boquete está considerada como a mellor futbolista española e unha das mellores do planeta. A pesar da súa ampla e exitosa traxectoria profesional, cunha Champions League no seu palmarés incluida. Hoxe é todo un referente para todas as novas futbolistas galegas.
Mesa redonda sobre muller e deporte
A continuación desenvolveuse unha mesa redonda sobre a temática deste ano, que foi “As mulleres Rurais no Deporte”. Moderada por Manuela Vilaboy, pedagoga e xefa da Unidade contra a Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno, contou coa participación de María Carmen Noya, presidenta da Sociedade Deportiva Dubra, Mónica Sande, campioa de España de Remo no ano 1996, María Bardanca, futbolista de Carballo; Sabela Rey, ciclista, Elena Roca, xogadora de rugby e Daniela Suárez, xogadora de balonmán.
Clausuraron a xornada Estefanía Calvelo Muñiz, concelleira de Igualdade, Roberto García López, secretario xeral de Unións Agrarias-UPA e Teresa López López, presidenta de FADEMUR España.