O punto informativo sobre a prevención do acoso escolar en Narón estivo operativo en diferentes ubicacións

A concelleira de Cooperación no Ensino, Olga Ameneiro, visitou o punto informativo sobre o acoso escolar que entre as 10.00 e as 13.00 horas estivo operativo o xoves 19 no Pazo da Cultura.

Trátase dunha iniciativa impulsada a través desta área e coa que se aposta por ofrecer información á cidadanía en xeral sobre os recursos preventivos dispoñibles dende as administracións para loitar contra o acoso escolar. O punto informativo estará este mes en diferentes ubicacións da zona urbana e rural da cidade, tal e como recordou a edil naronesa.

Esta mesma semana, estivo tamén nas instalacións do complexo polideportivo municipal da Gándara e na zona do Estadio de Río Seco. Trala entrega do material informativo, as persoas que se achegan teñen a oportunidade de respostar a unha enquisa sobre esta temática a través do teléfono móbil, na que se preguntan varias cuestións vencelladas a este problema para realizar un estudo ao final da campaña coa información recibida.

As vindeiras citas programadas son o vindeiro luns, día 23, nas inmediacións do centro de saúde do Val, 10.00 a 13.00; o martes 24 xunto ao centro de saúde do Alto, 10.00 a 13.00; o día 25 de novo no Pazo da Cultura, 17.00 a 20.00; o 26 tamén por segunda ocasión no complexo polideportivo municipal da Gándara, 17.00 a 20.00 e o 31 deste mes nas inmediacións do novo centro de saúde, 10.00 a 13.00.

Para obter máis información sobre estas actuacións impulsadas dende o goberno local as persoas interesadas poden dirixirse ao Servizo Sociocomunitario Municipal, no primeiro andar do Concello; chamando ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1122, 1108 e 1109) ou escribindo un correo electrónico á dirección: omix@naron.gal

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …