O BNG de Ferrol rexistrou unha batería de alegacións a proposta de modificación do regulamento orgánico municipal presentada polo goberno local «por tratarse dunha medida restritiva que limita o debate mentres crea unha administración paralela con persoal designado a dedo polo alcalde e por ser unha proposta contraditoria e incoherente ao non supoñer ningún beneficio económico para cidade asociado a esta modificación»
Neste senso, Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, cualificou como «incoherente e antidemocrática esta proposta de modificación do regulamento orgánico municipal para incorporar ao concello de Ferrol ao réxime de grandes cidades»
«Incoherente porque si Ferrol ten a consideración de “grande cidade” debería tela para todo e a día de hoxe, Ferrol é a única cidade galega que se rexe polo sistema de financiamento de “réxime xeral”, o que implica menos ingresos a percibir por parte do Estado en cada anualidade»
Para o portavoz nacionalista «é contraditorio que o alcalde desta cidade empregue a consideración de grande cidade para crear unha administración paralela ao seu servizo mediante a contratación de asesores ao mesmo tempo que que cala diante do agravio comparativo e de perda de recursos económicos que supón o feito de non pertencer ao grupo de concellos que se financian mediante o sistema de “Participación nos tributos do Estado” que é o que rexe para todas as “grandes cidades”, incluídas as restantes seis cidades galegas»
Por outra parte, Rivas considera a proposta como «antidemocrática porque limita o debate político e crea unha administración paralela»
O portavoz do BNG, sinala que «con esta proposta preténdese crear unha administración paralela que, de momento, lle vai a supoñer a veciñanza de Ferrol un gasto de 225.000 € anuais para sufragar os custos das tres persoas que ocupen os cargos de persoal directivo que se crean sen pasar por ningún proceso selectivo»
«Resulta curioso que unha proposta que no ano 2008, a iniciativa do socialista Vicente Irisiarri, para o señor Rey Varela era, literalmente: “unha proposta destinada a enchufar a 10 persoas e supoñía restar participación á oposición” hoxe sexa unha proposta aceptábel, deixando patente novamente a incoherencia do actual alcalde da cidade e da hipocrisía do Partido Popular»
Para o BNG «con esta proposta Rey Varela pretende impedir que os colectivos e veciñas desta cidade poidan participar dos debates plenarios ao limitar a dúas as mocións ou a un só rogo ou unha soa pregunta as que que os grupos podan presentar nas sesións plenarias, cando todas sabemos que son estas iniciativas ás que a veciñanza e os colectivos empregan para poder canalizar as súas demandas ao goberno local»
«Ademais con esta proposta ábrese á porta tanto a aumentar o número dos cargos directivos como a incorporar a persoas a Xunta de Goberno Local sen seren escollidas concelleiros»
«Por último compre sinalar que o PP pretende acometer esta modificación 20 anos despois e tras catro corporacións municipais diferentes, incluída a 2011- 2015 na que o Sr. Rey Varela xa fora Alcalde e na que non se atreveu a aplicar este regulamento produto das evidentes dúbidas legais que existe ao respecto, tendo en conta que o prazo que establece a lei para realizar esta adaptación xa expirara había tempo»