Valdoviño adiántase á celebración do Día da Biblioteca, e esta fin de semana propón varias actividades para festexar a efeméride en familia.
A primeira, o sábado 21, coa representación da obra de teatro musical «A meiga da fonte», e a segunda, o domingo 22, coa posta en escea da produción «A galiña azul». As dúas citas terán a casa da cultura por escenario, a partir das 18:00 horas, e a entrada é de balde e libre ata completar aforo.
Así, a través da súa produción «A meiga da fonte», a Escola Galega de Teatro Musical convidará a nenos e maiores a reflexionar sobre a importancia do respecto pola natureza e o uso responsable das redes e da tecnoloxía.
Ademais, a participación do público será clave na obra, que asinan Belén Puíme e Sara Fandiño, xa que as protagonistas, as meigas Silva e Pupeiriña, só poderán solucionar coa súa axuda os problemas que se lles irán presentando a raíz dunha publicación pouco afortunada en Instagram.
Pola súa banda, na obra «A galiña azul», a compañía Tanxarina adapta o texto de Carlos Casares, pedra angular da literatura infantil galega, para volver a revindicar valores como a diversidade e a solidariedade. Un espectáculo no que o público poderá achegarse a diversas técnicas de manipulación de bonecos e desfrutar dun soberbio traballo de interpretación dos actores protagonistas.