Os profesionais do SPEIS de Narón acudiron a accións formativas na loita contra a avespa velutina

Os profesionais do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Narón acudiron nos últimos días a unhas accións formativas programadas trala adquisición de equipos e medios en materia de servizos apícolas, de cara á súa formación preventiva
previa á entrada en funcionamento dos mesmos. O concelleiro responsabe do SPEIS, José Oreona, explicou que o goberno local adquiriu un rifle de marcación para avespas velutinas e unha pértiga extensible para a aplicación de neutralizante, que se empregarán na loita contra esta especie.

O rifle para a marcación de avespas velutinas, tal e como indicou, permite o lanzamento de vectores que unha vez que alcanzan o niño
neutralizan a súa actividade. Este rifle pode alcanzar unha altura de ata 40 metros, en función da situación e a tipoloxía dos niños, e permite lanzamentos tanto en horizontal como en vertical. “Ofrece unha gran versatilidade no momento das intervencións e tamén un gran nivel de precisión, pero ademais hai que ter en conta que este novo equipo minimiza os tempos de traballo e evitará en ocasións ter que desprazar ao punto da intervención outro tipo de servizos, como os camións con autoescada”, recalcou Oreona.

No que respecta á pértiga extensible o concelleiro naronés sinalou que permite alcanzar unha altura de cinco metros para aplicar o neutralizante nos niños, o que minimiza o risco dos bombeiros á hora de intervir na súa retirada, ao non ter que aproximarse tanto a eles. “Ao aplicar o neutralizante con ese sistema baixa substancialmente a actividade nos niños, polo que os bombeiros poden proceder con maior seguridade á súa retirada e realizar posteriormente os traballos asociados correspondentes a este tipo de intervencións”, explicou.

 

O edil responsable do servizo do SPEIS informou que no que vai deste ano os bombeiros naroneses realizaron un total de 395 servizos asociados coa loita contra a avespa velutina. Deles, 217 correspondéronse con neutralizacións e extraccións de niños e as 178 restantes con inspeccións vinculadas a valoracións e análisis previos a esas retiradas.

Queremos destacar a calidade do material adquirido, que complementa o catálogo de medios e recursos cos que conta este servizo municipal, ao que se sumará tamén proximamente unha pistola con características similares ás do rifle para intervencións a menor altura”, apuntou Oreona. O concelleiro recordou que “a maiores deste equipamento, e co fin de que os profesionais do servizo poidan continuar desenvolvendo o seu traballo nas mellores condicións, o Concello tamén ampliará as instalacións coas que conta no polígono de Río do Pozo, que serán obxecto dun investimento duns 650.000 euros, cumprindo así un dos compromisos adquiridos dende o goberno local para o actual mandato”.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …