As lendas xacobeas do Pilar e da Nosa Señora da Barca

José Fonte Sardiña

Talvez onde mellor se contou a vida do apóstolo Santiago foi no “Códice Calixtino”, que, no capítulo I do seu Libro III, asegura que “logo da Paixón do noso Salvador e do glorioso triunfo da súa mesma Resurrección, e despois da súa admirable Ascensión, pola que subiu ao trono do seu Pai, así como tras a infusión das linguas do lume do Espírito Santo sobre os apóstolos, os discípulos que El mesmo elixira, iluminados cos raios da sabedoría e inspirados pola graza celestial, deron a coñecer coa súa predicación o nome de Cristo por todas partes aos pobos e nacións. Entre o egrexio número deles estivo Santiago […]. El, pois, mentres os outros ían a diversas rexións do mundo, levado ás costas de España por vontade de Deus, ensinou, predicando con coraxe a divina palabra ás xentes que alí vivían e a tiñan por patria. E deténdose alí algún tempo, mentres daba froitos entre espiñas a pequena semente que entón quería recoller, cóntase que, confiado en Cristo, elixiu sete discípulos […] para, coa súa axuda, extirpar de raíz, arrancándoo, o xoio, e confiar máis propiciamente a semente da divina palabra a unha terra que levaba estéril tanto tempo” (Xosé López Díaz (trad.): “O Códice Calixtino. O Codex Calixtinus en galego”, Vigo, 2009, capítulo I, Libro III, p. 379) (Imaxe do Apóstolo na pedra onde se conta que predicara, en Santiaguiño do Monte, Padrón).

Santiaguiño do Monte Padrón

O frade dominico Hernando Oxea, nun libro de 1615 titulado “Historia del Glorioso Apostol Santiago Patron de España: de su venida a ella y de las grandezas de su Yglesia y Orden Militar”, utilizando como fonte un diario armenio escrito en Xerusalén en 1054, afirma que “saíu o glorioso apóstolo Santiago do porto de Xaffa […], entrou en Galicia, onde predicou e residiu un bo tempo, ao cabo do cal se lle apareceu a Virxe Nosa Señora: mandoulle que volvese a Xerusalén, e el así o fixo. Chegando a Zaragoza de Aragón, aparecéuselle a Virxe outra vez, e mandoulle que fundase alí unha igrexa á que lle puxese o seu nome” (tomado e traducido de Francisco Singul: ‘La costa del fin del mundo en la cosmovisión jacobea y la devoción mariana: la peregrinación a Padrón, Fisterra y Muxía’, en “Ad Limina”, IX, Santiago de Compostela, 2018, p. 96) (Santuario da Nosa Señora da Barca, Muxía).

Santuario da Nosa Señora da Barca, Muxía

Conta Vicente Risco que “di a tradición acollida pola Igrexa que cando o Santo Apóstolo Santiago andaba a predicar pola banda de Fisterre, sufrindo moitos traballos e desalentos, a Santísima Virxe María, que daquela inda vivía neste mundo, apareceulle en carne mortal, para confortalo. Achábase o Señor Santiago na beiramar de Muxía, cando viu que viña polo mar unha barca de pedra guiada ou conducida por anxos, na cal viña a Madre de Deus […]. As pedras da Barca da Nosa Señora son tres: a barca mesma, de oito varas e media por sete e media, o temón e mais a vela, de oito varas e tres cuartos de arredor. Esta é unha pedra de abalar que mesmamente un neno pode mover […]; cando non se move, é sinal de que a Virxe non vai conceder o que se lle pide ou que algo ocorre de estraño que non prace a Deus […]. Din que ó deitarse o sol, se un mira debaixo desta pedra, ve a imaxe dun Santo Cristo e outra do Apóstolo Santiago,
con esclavina e bordón, e un cáliz na man” (Vicente Risco: Etnografía, Obras Completas tomo III, Galaxia, Vigo, 1994, p. 206-208) (Pedra dos Cadrís, que representa a vela).

Pedra dos Cadrís

O templo da Nosa Señora da Barca, en Muxía, punto e final xunto con Fisterra dun Camiño que os peregrinos xacobeos realizan despois da súa chegada a Santiago de Compostela, tivo a súa orixe contra o século XI. No camarín da Virxe aparece representado o milagre da aparición; un anxo atópase sentado na barca remando, outro está de pé sostendo o temón e un terceiro, no centro, fai de atlante da imaxe da Nosa Señora, coroada de gloria, que leva o Neno no colo e o cetro na man esquerda; Santiago, vestido de peregrino e sostendo o bordón coa cabaza, axeónllase diante da Nai de Deus sobre unha pena no medio do mar. A imaxe gótica da Virxe, de principios do século XV, salvouse do incendio provocado por un lóstrego no Nadal de 2013 porque non se atopaba no templo, pero o retablo, encargado a Miguel de Romay en 1717, onde se representaban a barca, os anxos e Santiago foi calcinado polo lume. O que hoxe hai, despois da reconstrución rematada en 2015, é unha réplica que non deixou contentos aos muxiáns.

Aparición da Virxe a Santiago

Así e todo, compite duramente con esta lenda na costa de Muxía a da aparición da Virxe a Santiago en Zaragoza o 2 de xaneiro do ano 40, que insiste na idea de que o Apóstolo predicou o Evanxeo nestas terras. Fora transmitida, desde época ben temperá, por vía oral entre as xentes que habitaban os pobos de Hispania. Este acontecemento foi recollido, así mesmo, por escrito na “Crónica del obispo Máximo de Zaragoza”, a principios do século VII, onde se afirma tamén que “Caesaraugustae templum Dei genitricis sanctum e a divo Iacoco constructrum quod ad columnam dicitur, celebre habetur”, que podería traducirse como: “É ben coñecido en Zaragoza un templo dedicado á Nai de Deus e mandado construír polo divino Santiago, que é chamado da Columna” (Camarín da capela da Virxe do Pilar na catedral de Zaragoza).

Camarín capela Virxe do Pilar Zaragoza

Un códice do século XIII, conservado na catedral zaragozana, di que Santiago chegou cos seus novos discípulos a través de Galicia e de Castela, ata Aragón, o territorio chamado Celtiberia, onde está situada a cidade de Zaragoza, nas ribeiras do Ebro. Alí predicou moitos días e, entre os convertidos, elixiu como acompañantes oito homes, cos que trataba de día do Reino de Deus e, pola noite, percorría as ribeiras para tomar algún descanso. Unha vez que se atopaba pensativo nas orelas do Ebro escoitou as voces duns anxos que cantaban Ave, María, gratia plena e viu aparecer á Nai de Cristo, de pé sobre un piar de mármore, como está representada na imaxe que se aloxa no retablo de Santa Lucía do templo parroquial de Santiago de Pontedeume. Os dous anxos, agarrados coas súas mans á columna ―ten gravada a cruz de Santiago en forma de espada, en cor dourada no canto da vermella que aparece no corredor central do templo eumés e que levan tamén os Cabaleiros da Orde de Santiago desde o ano 1170 e os cóengos do Cabido Compostelán―, están axeonllados aos pés da Virxe, visten túnicas claras e teñen rotas as alas. O anxo que se dispón á dereita da Nai de Deus dirixe a súa mirada cara a Ela con devoción, e o da esquerda fixa humildemente a vista no piar. A Virxe, subida á columna, cunha aureola dourada, viste unha túnica rosada e unha capa azul celeste con reberetes dourados que lle cobre os louros cabelos e que suxeita delicadamente coa man dereita. Leva ―como é característico en case todas as súas representacións― no colo ao Neno Xesús, ao que suxeita coa man esquerda, louro coma Ela, tocado cunha coroa dourada e tan só cuberto por un pano de pureza.

Imaxe da Virxe en Pontedeume

A Virxe animou a Santiago a continuar coa súa misión e pediulle que erguese á beira do Ebro unha igrexa na súa honra, e prometeulle que esta permanecería ata a fin dos tempos para que a virtude de Deus obrase portentos e marabillas pola súa intercesión con aqueles que nos momentos de necesidade implorasen o seu patrocinio. Así o fixo, consonte di a tradición, Santiago, aínda que regresou, antes de que estivese rematado o primeiro templo mariano da cristiandade, a Xerusalén, onde padeceu o martirio por orde de Herodes Agripa, que o mandou decapitar (Foto de Benutzer Gisbertn da basílica catedral de Zaragoza co Ebro aos seus pés) (Retablo da capela do Pilar da catedral de Santiago).

Catedral Basílica del Pilar Zaragoza
-Capela do Pilar Catedral de Santiago.

A imaxe do Apóstolo, axeonllado aos pés da Virxe erguida sobre aquela columna ―firme e segura como a fe que el trouxo a estas terras, consonte di o himno a Santiago―, atópase tamén no retablo maior da capela barroca do Pilar, do século XVIII, que hai no deambulatorio da catedral compostelá.

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …