A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o presidente da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (AFAL Ferrolterra), Juan Carlos López, asinaron na mañá deste xoves no Concello un convenio de colaboración por un importe de 6.000 euros. No acto estiveron tamén presentes a concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, e o xerente e vicepresidente de AFAL Ferrolterra, José Otero.
No transcurso da convocatoria, abordaron as actuais vías de colaboración e programas que a entidade desenvolve na comarca en xeral e
con veciñas e veciños de Narón en particular. Algunhas das accións que se imparten en base a ese acordo son actividades asistenciais e terapéuticas no centro de día de AFAL, accións formativas ou obradoiros de estimulación cognitiva para persoas con alzheimer e outras demencias en fase inicial, estes últimos no local social de Piñeiros.
Os representantes do Concello e de AFALabordaron tamén posibles vías futuras de colaboración entre as partes, de cara a reforzar esa atención que se presta ás usuarias e usuarios da entidade. Juan Carlos López e José Otero agradeceron a colaboración e implicación do Concello naronés, co que manteñen dende hai anos varias accións dirixidas ao colectivo de persoas con alzheimer e as súas familias.
Pola súa banda, a alcaldesa agradeceu persoalmente aos responsables de AFAL o traballo que realizan dende a entidade e destacou a importancia do labor que desenvolven día a día este tipo de asociacións, ofrecendo múltiples servizos.