O recinto feiral do Trece acollerá o vindeiro día 15 a “XXII Feira do mel e produción primaria”

As instalacións do recinto feiral do Trece, en Sedes, acollerán o vindeiro día 15 a vixésimo segunda edición da Feira do mel e produción primaria. Unha convocatoria que presentaron esta maña no Concello os edís de Feiras, Mar Gómez, e Medio Ambiente, Manuel Ramos, acompañados polo delegado da Asociación Galega de Apicultura (AGA) en Ferrolterra, Rafael Díaz. A cita inclúe unha completa programación que se desenvolverá en horario de mañá e tarde, de 10.30 a 14.00 e dende as 16.00 ata as 20.00 horas e a entrada é de balde.

No recinto feiral instalaranse unha vintena de postos de venda de mel e produtos alimenticios, que abrirán as súas portas ás 10.30 horas. A
continuación comezará un variado programa con propostas para persoas de todas as idades. Ás 11.00 horas haberá un relatorio técnico sobre “Características e usos dos produtos da colmea”, que impartirá Gonzalo Calvo, un veterinario especializado en apicultura. Tamén a esa hora, e ata as 13.30, levaranse a cabo unha serie de obradoiros infantís (pintacaras, debuxos con abellas, elaboración de velas. ..) e unha degustación, de balde, de pan e queixo do país con Mel Cinco Estrelas –de 11.30 a 13.30-. Ás 12.30 horas comezará unha demostración culinaria e unha degustación de elaboracións con mel a cargo da técnica de AGA Noela Torres, e tralo remate do mesmo pechará a feira para reabrir de novo ás 16.30 con obradoiros infantís que rematarán sobre as 19.30.

Ás 17.00 horas, e ata as 19.00, haberá outra degustación de balde, de pan e queixo do país con Mel Cinco Estrelas e ás 18.00 o técnico apícola Rafael Díaz impartirá un relatorio técnico sobre “A apicultura como actividade de ocio e tempo libre”.

 

Ao longo de toda a xornada, pola mañá e pola tarde, desenvolveranse actividades divulgativas, cun posto de AGA no recinto feiral e tamén exposición de láminas didácticas monitorizadas e sorteos de cestos con produtos da feira entre os asistentes. Esta edición da Feira do mel e produción primaria rematará ás 20.00 horas.

O representante de AGA especificou que das doce feiras do mel que se celebran ao ano en Galicia, esta será a primeira na que participarán produtores premiados no prestixioso concurso “Mel Cinco Estrelas”. Dos preto dun centenar de participantes no certame, dous dos gañadores son de Narón.

Pola súa banda, a edil de Feiras recalcou que “esta é unha das feiras máis consolidadas na nosa cidade” e animou xunto co edil de Medio Ambiente á cidadanía de Narón e comarca a acudir ao evento “para desfrutar das diferentes actividades e tamén degustar e poder adquirir mel e outros produtos de gran calidade”.

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …