Iconografía de san Miguel en Pontedeume

José Fonte Sardiña

Di Murguía que “o celta galego, como todos os seus demais irmáns, aparece, no tocante ás crenzas relixiosas, apegado ao extenso naturalismo, que é coma o seu selo indeleble.
O sol, a lúa, as múltiples estrelas que tremen e escintilan nos espazos celestes; o mar, os ríos, as fontes e tamén o bosque e a montaña; todo canto está enriba e o que se atopa aos seus pés; o que o rodea, o que teme, todo, todo ten para el voces e misterios, todo encerra un algo do espírito co que os dotou” (Tomado e traducido de Manuel Murguía: “Galicia”, primeira edición Barcelona, 1888, citado pola edición de Sálvora, Santiago de Compostela, 1985, tomo I, p. 139) (O río Eume e o Monte de Breamo).

O Eume e o Breamo desde o castelo de Andrade

Talvez por iso, os eumeses fagamos o 11 de setembro a xira ao río, para honrar ao Pai Eume, e o 29 de setembro ―día no que a Igrexa celebra a festividade do arcanxo san Miguel― e o 8 de maio ―no que se lembra a súa milagrosa aparición no monte Gargano, no sur de Italia, ese mesmo día do ano 490― no cumio do Breamo a romaría en homenaxe ao santo. O río Eume e o monte de Breamo son sen dúbida os dous elementos fundamentais da natureza que conforman este territorio mesmo antes de que en 1270 o rei Afonso X o Sabio fundase ex novo a vila de Pontedeume e a puxese baixo a súa protección co seu alfoz, e xa que logo, eran considerados sagrados e venerados
polos nosos devanceiros como símbolos da divindade (Fotos de Tito Ríos do meu primeiro San Miguel con menos de dous meses, o 8 de maio de 1964, e da miña familia na xira ao río de 1966).

San Miguel 1964
Río Eime 1966

É ben coñecido que os celtas e outros pobos prerromanos adoitaban construír nos cumes das máis altas montañas monumentos relixiosos porque alí se sentían máis preto dos deuses. Así pois, era natural que os ártabros o fixeran no lugar que eles chamaban Brigamo ―vén do celta e está composto da forma brig, que significa monte ou lugar elevado, e o sufixo superlativo amo, que equivale a supremo, monte supremo ou moi elevado, xa que logo―. Os restos etnográficos e toponímicos atopados nas Terras do Eume fanlle pensar ao conde de Quirós (Isidoro Millán González-Pardo: “Toponimia del Concejo de Pontedeume y Cartas Reales de su Puebla y Alfoz”, A Coruña, 1987, p.
124) na moi alta probabilidade de que na cima do Breamo houbese algún monumento deste tipo, substituído en 1187 polo actual templo románico, onde conta unha lenda, relacionada co rosetón da fachada principal, que se lles apareceu o Neno Xesús na Noiteboa daquel ano aos seus primeiros custodios, once cabaleiros templarios (José Fonte Sardiña: “Lendas das Terras do Eume”, Santiago de Compostela, 2021, p. 52-54) (Capela de San Miguel de Breamo).

O interior desta capela de Breamo acolle hoxe, na ábsida lateral, no lado do Evanxeo, sobre un pequeno altar, unha imaxe de pedra de san Miguel, que aínda conserva restos de policromía, coa balanza de pesar as almas sobre o ombreiro dereito, obra dun obradoiro betanceiro neomateán de principios do século XV. As boas e malas obras, representadas por dúas figuras zoomorfas, penduran dos brazos da balanza.

Un san Miguel imberbe, de cabelos crechos e dourados, cun rostro amable e bondadoso, labrado cun aquel de desleixo, será o encargado de poñer nun dos brazos da balanza as obras boas e o demo presentará no outro as malas para que o peso de ambas as dúas determine de que lado se inclina. As mans de san Miguel, que suxeitan a balanza, son grandes e fortes. As alas do arcanxo, que non se dispoñen estendidas, están moi ben decoradas e deixan ver a cor azul da antiga policromía. A túnica que viste, cicelada con amplos e coidados pregamentos que conservan aínda restos da policromía orixinal, cóbrelle o pé dereito ―e posible que na figura primitiva asomase por debaixo da roupa e que co paso do tempo desaparecese polo deterioro da pedra―, e o esquerdo deixa ver as cinco dedas espidas.

San Miguel coa balanza de pesar as almas

A imaxe do arcanxo coa balanza de pesar as almas aparece tamén na cruz celta coa que se lles pon o santo aos romeiros, para que san Miguel lles quite a enfermidade e lles poña a sanidade polo amor de Deus e da Virxe María, consonte recita o responsable de executar o ancestral rito.

Cruz celta

O 29 de setembro sae en procesión arredor da capela de Breamo, no sentido contrario ás agullas do reloxo e ao son solemne da Marcha do Antigo Reino de Galicia, unha imaxe de san Miguel ataviado cun vestido de tea branca e manga larga que lle cobre os xeonllos, e que brande unha cruz a xeito de lanza e estandarte, agarrada coas dúas mans, coa que somete ao Demo, representado por unha tétrica figura zoomorfa marrón, con cornos, rabo, mans e a lingua de fóra, que arde espido nas chamas do Inferno. San Miguel, coa cabeza protexida por un casco prateado con dúas plumas brancas enriba, mostra un rostro sereno e xuvenil, calza unhas botas negras e leva ás costas dúas
espléndidas alas brancas que o caracterizan como arcanxo.

San Miguel de setembro

Na romaría do 8 de maio, sae a mesma procesión pero con outra imaxe de san Miguel, armado cunha espada en alto que brande na man dereita e coa que somete a un Demo negro e espido, cunha aparencia entre humana e animal, ao que lle pisa a cabeza co pé dereito e as extremidades inferiores co esquerdo. O arcanxo viste unha longa túnica verde, con amplos pregamentos e aberta á altura das pernas, con reberetes dourados, e calza unhas botas marróns. Cobre e protexe o peito e a cabeza cunha coiraza e un casco prateados. O rostro xuvenil, cunha media melena morena, mostra serenidade e satisfacción pola súa vitoria sobre o Diaño. Dúas alas brancas semiestendidas no lombo
falan da súa condición de arcanxo.

Procesión de San Miguel

Xa na vila, no templo parroquial de Santiago de Pontedeume, a imaxe de san Miguel aparece no retablo pictórico do seu altar maior, mandado facer contra o ano 1530 polo conde de Vilalba Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas. No segundo andar do lado da Epístola, entre as representacións do Nacemento de Xesús e a Resurrección de Cristo, temos a san Miguel caracterizado como miles Christi, con rostro irado, longa melena negra solta e sen barba ―como corresponde a un arcanxo―, vencedor do Demo ―deitado, de negro e vermello―, a morte ―imaxe dunha caveira―, a tentación ―a serpe― e as tebras ―a escuridade como fondo da táboa―, e voando sobre eles con dúas enormes alas douradas estendidas, unha capa vermella ao vento con ricos reberetes, brandindo na man dereita a espada flamíxera e enarborando na esquerda a cruz redentora e a balanza de pesar as almas ―todos estes instrumentos de cor dourada― (Foto do párroco da Unidade Pastoral de Pontedeume don Benjamín Sevillano Gallego, ao que lle mando desde aquí o meu agradecemento pola ilustración e o firme apoio por mor dos inxustos ataques recibidos estes días pasados).

San-Miguel-Retablo Maior-Pontedeume
San Miguel Retablo da Trindade Pontedeume

Finalmente, no ático do retablo da Santísima Trindade da devandita igrexa parroquial, no lado da Epístola, entre as capelas da Sagrada Familia e de San Xoán Bautista, podemos atopar outra imaxe de san Miguel, rodeado dunha orla prateada da que parten 24 raios dourados que coroan a sinxela talla. O arcanxo, con rostro sereno e media melena morena, viste roupa escura e botas altas e brande na man dereita unha espada, sostida de maneira pouco xeitosa, coa que derrota o mal ―o Demo―, representado pola figura negra dun animal espido e deitado baixo os seus pés.

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …