A concelleira de Participación Cidadá de Narón, Olga Ameneiro, avanzou que o vindeiro 9 de outubro se retomarán os Consellos
Territoriais nos diferentes locais sociais da zona urbana e rural da cidade. En total están programadas catorce xuntanzas, nas que participarán representantes das asocaciacións inscritas e cos datos actualizados no Rexistro Municipal de Entidades Cidadás. A edil naronesa animou aos representantes do colectivo a participar nestas convocatorias “nas que intercambiaremos opinións sobre asuntos relacionados con cada barrio e parroquia, fomentando a participación e o diálogo para continuar avanzando no futuro da nosa cidade”.
A concelleira presidirá os catorce consellos territoriais, que se iniciarán o vindeiro luns no local social de Doso, ás 18.00 horas. Os seguintes
programados para este mes serán o 16 no local social do Couto e o 23 no do Paraxe, en Castro. Todos eles terán o mesmo horario, de 18.00 a 19.30.
No mes de novembro celebraranse os de San Xiao, o día 6 ás 18.00 no local social; O Alto, o día 9, de 16.00 a 17.30 horas no local social; en San Mateo, o día 13 ás 18.00 na Escola de San Mateo; o de Sedes, o día 16; o de Xuvia o día 20; o da Gándara o día 27 e o de Santa Icía (A Solaina) o 28, nos catro últimos casos nos respectivos locais sociais e a partir das 18.00 horas.
No mes de decembro terán lugar os convocados en Piñeiros, o día 4 ás 17.00 no local social; Pedroso, o día 11 ás 18.00 no local social; o de Freixeiro, o día 14 ás 18.00 no local social da asociación Virxe de Fátima e o do Val, o día 18 ás 18.00 tamén no local social da parroquia.
As persoas interesadas en recibir máis información sobre estes Consellos Territoriais poden poñerse en contacto coa Escola de Participación Cidadá de Narón a través do número de teléfono 603 865 413 ou do correo electrónico: escolaparticipacion@naron.gal.