O programa Apego contempla un total de cinco actividades que se desenvolverán ata finais de ano nas instalacións do Centro Cívico Social de San Xiao.
Así o avanzou a concelleira de Política Lingüística, María Lorenzo, que recordou que se trata dunha proposta para público familiar encamiñada a favorecer a socialización dos nenos en galego. Os espectáculos precisan inscrición previa e a entrada é de balde.
Este programa impúlsase, tal e como recordou a edil, a través do Servizo de Normalización Lingüística de Narón. A primeira das citas do mes de outubro será o día 4, coa proposta “O coelliño branco», da compañía Trinke Trinke. Está recomendado para menores de 3 a 6 anos e as súas familias. Dende Lonxedetodo chega a visita dunha ratiña de biblioteca, Lili, cun axudante moi especial, o coelliño Branco, que traerá contos, números de maxia e cancións.
A vindeira cita será o 18 de outubro, con “Babá bebé” de A Xanela do Maxín, e recomendado neste caso para menores de 0 a 3 anos. Os bebés mergullaranse nun espazo seguro e propio para gozar do paso das estacións e de todo o que nos ofrece cada unha delas.
No mes de novembro o día 8 poderase ver “O pozo do encanto”, de Lydia Botana e Fabaloba. Un espectáculo de narración oral, música, kamishibai e recursos en galego para nenos de 3 a 6 anos e coa fada Alí como protagonista. Vive xunto unha fonte entre as penas dunha serra e como cada vez ten menos visitas decide baixar á vila para seguir transmitindo a súa fala máxica.
Así mesmo, o 29 de novembro terá lugar o espectáculo “Cabicivai”, de Pablísimo, unha proposta sobre rodas cunha bici, un kammishibai e tres caixóns dos que pode saír calquera cousa. Tamén se dirixe a nenas e nenos de 3 a 6 anos.
“O axudante de Papá Noel”, de Moc Moc, é a última das propostas deste ciclo, para o día 13 de decembro. Ese día o público familiar poderá gozar dunha xornada de contacontos de circo na que se xuntan o Nadal, os malabares e os equilibrios que interactúan entre si.
Para inscribirse nestas propostas, está aberto o prazo, é preciso enviar un correo electrónico ao mail a.pita@naron.gal indicando o nome da actividade, o nome e idade do neno e do pai, nai ou persoa acompañante, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto.
A participación, está limitada a un máximo de 25 nenas ou nenos por xornada, que deberán ir acompañados de como mínimo unha persoa adulta y será por estrita orde de inscrición.