A concelleira de Benestar Social do Concello de Narón, María Lorenzo, anunciou o inicio, o vindeiro mes de outubro, das actividades do programa municipal Cóidate.
A edil naronesa explicou que se trata dun programa “encamiñado a previr o deterioro da saúde mental e o aumento da depresión e outras doenzas na poboación de Narón”, incidindo en que se dirixe especialmente ás persoas coidadoras.
As actividades deseñadas consistirán en dúas conferencias, unha no mes de outubro e outra no mes de novembro, e a realización dunha campaña de sensibilización en decembro, unha vez rematado o programa. María Lorenzo avanzou que a primeira das conferencias terá lugar o vindeiro 7 de outubro ás 11.00 horas, nas instalacións do Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros, e correrá a cargo da escritora, feminista e profesora de universidade xubilada, doutorada en Psicoloxía, Anna Freixas.
“Inflúe a idade na saúde mental?” é o título desta primeira convocatoria, sobre a que se pode solicitar información a través do número de teléfono 644 747 889 ou do correo electrónico: info@paula-paz.com.
A concelleira naronesa recordou que aínda que se trata dunha temática pensada para un colectivo específico, o das persoas coidadoras, pode acudir a estas actividades calquera persoa que o desexe.