A rede pola Igualdade de As Pontes celebra un novo encontro en outubro

O xoves, 5 de outubro celebrarase un novo participativo da Rede pola Igualdade, na Casa Dopeso, As Pontes, a partir das 17:00 horas.

Trátase dunha xornada na que se abordarán as necesidades para a consecución da igualdade en diversos ámbitos (como, poden ser entre mulleres e homes, por motivos de idade, raza ou no eido da diversidade funcional, entre outros); así como propostas de medidas e accións para a contribución á mesma.

A concelleira do Concello de As Pontes Tania Pardo destacou que o motivo de que se contemplen diferentes eixos nos que se producen discriminacións responden a que “en encontros anteriores detectouse que, se ben o interese na contribución a eliminar as desigualdades por razón de xénero era o que motivou ás entidades a sumarse a esta rede, era necesario tamén afondar no concepto de interseccionalidade, en tanto que a existencia de discriminacións noutros planos (por  idade, por raza, etc.) agravan estas situacións de desigualdade”.

Para tal fin, desenvolveranse diferentes dinámicas interactivas entre as persoas asistentes, o que consiste un dos piares fundamentais deste espazo: a participación. A través destas, as persoas participantes poderán reflexionar e debater sobre os factores que inciden na existencia de situacións de discriminacións entre persoas, así como sobre como poder contribuír á igualdade dende o seu ámbito de actuación, pero tamén entendidas como unha maneira de promover o coñecemento e a colaboración entre as mesmas. Será un encontro aberto á cidadanía, sendo imprescindible inscribirse a través do seguinte formulario para poder asistir.

Rede pola igualdade das Pontes

A finais do ano 2022, o Concello das Pontes puxo en marcha a Rede pola Igualdade, un espazo concibido para a reflexión e debate cidadá en materia de igualdade entre mulleres e homes, e de forma transversal noutros eidos, como: por motivos de idade, de raza ou diversidade funcional.

Durante este período veñen realizándose diferentes encontros nos que teñen participado diferentes entidades do tecido social e económico do municipio, coa finalidade de darlle forma a este espazo participativo. A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Tania Pardo, destacou que “grazas a colaboración destas asociacións e empresas é que a día de hoxe temos unha Rede consolidada, na que se teñen participado ata 36 organizacións distintas”.

Agora pois, xa consolidada, a súa principal ocupación consiste en desenvolver múltiples actividades en prol da igualdade (encontros participativos, xornadas informativas e formativas, mesas de debate e conferencias, eventos lúdicos, etc.).

Tania Pardo incidiu en que “é benvida a este espazo toda persoa que teña interese en contribuír o seu gran de area para acadarmos unha sociedade igualitaria na que non se dean situacións de discriminación por motivos de xénero, así como doutra índole”. Así mesmo, quixo animar á cidadanía pontesa a participar nas actividades que se desenvolvan dende esta rede, entre as que se poden mencionar encontros participativos, xornadas formativas e informativas, como conferencias ou mesas de debate.

A MLCI terá unha xornada formativa en materia de igualdade

Pola súa parte, a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero tamén está citada para unha actividade. Nese sentido, o mércores 27 de setembro terá lugar unha Xornada de Formación sobre Mulleres Inmigrantes e Violencia de Xénero, a cal vai dirixida a todo o persoal das diferentes administracións e servizos que conforman esta Mesa.

Esta xornada vén determinada polas necesidades detectadas no anterior encontro, celebrado o 28 de xuño, no que se afondou na situación e nas violencias de xénero en mulleres de colectivos vulnerabilizados, como son as persoas con discapacidade, maiores e inmigrantes.

Segundo Tania Pardo, “unha das conclusións extraídas neste encontro referíase á existencia de situacións que experimentan estas mulleres que inciden nunha maior vulnerabilidade, como son: contar cunha maior dependencia económica ou con menos ferramentas para a detección das violencias”.

Debido a isto, entendeuse necesario impulsar esta xornada formativa coa finalidade de optimizar o labor de cada unha destas institucións no referido á sensibilización, prevención e intervención ante as situacións diferenciais que experimentan, entre outras, as mulleres inmigrantes.

Lea también

Restablecida la luz para los vecinos de As Pontes dependientes de un transformador cuyos cables ardieron

Los vecinos de As Pontes (A Coruña) dependientes del transformador cuyos cables ardieron vuelven a …