As Pontes recibe á veciñanza de Lesneven, nun novo capítulo de irmandamento

O Concello das Pontes deu este martes 29 a benvida oficial á delegación da vila bretona de Lesneven, no marco do tradicional intercambio cultural promovido polos comités de irmandamento de ambas localidades.

Fuente Concello de As Pontes

O acto institucional estivo presidido polo alcalde pontés, Valentín González Formoso, acompañado pola concelleira de Cultura, Lorena Tenreiro, e membros da xunta directiva da Irmandade As Pontes – Lesneven, encabezada por Sara Ramos.

Durante a súa intervención, González Formoso destacou a importancia desta relación de irmandamento que cumpre case 40 anos, unindo dúas comunidades de raíz celta e comprometidas cos valores europeístas. Tamén quixo lembrar a figura de Antón Ferreiro, un dos grandes impulsores deste vínculo desde 1991, cuxa pegada segue presente nesta iniciativa cultural e social.

Pola súa banda, Claire Chapalain agradeceu a calorosa acollida e puxo en valor o traballo dos comités de irmandamento e das familias anfitrioas, sen as que sería imposible levar a cabo este intercambio. Subliñou ademais o papel fundamental que xogan os centros educativos nesta edición, ao facilitar a participación de mozos e mozas tanto das Pontes como de Lesneven.

As presidentas dos comités, Sara Ramos e Marie Claire Abhervé, expresaron o seu agradecemento ás familias participantes —tanto ás que se incorporan por primeira vez como ás veteranas— e reafirmaron o seu compromiso de seguir fortalecendo esta amizade transfronteiriza.

Programa de actividades

A expedición bretoa, composta por 49 persoas maiores de 12 anos, permanecerá nas Pontes ata o 4 de agosto, liderada pola presidenta do Comité de Jumelage de Lesneven, Marie Claire Abhervé, e a primeira tenente de alcalde, Claire Chapalain.

Durante a súa estadía nas Pontes, a delegación de Lesneven participará nun amplo programa de actividades que inclúe visitas ao lago, á aula da natureza da Casa do Mel de Goente, e excursións a cidades como Ferrol e Lugo. Non faltarán tampouco as citas tradicionais, como a feira quincenal e as xuntanzas gastronómicas coas familias de acollida e veciñanza local.

Lea también

La obra ‘As Mouras’ en Fene, del pontés Wedo Goás, elegida mejor mural del mundo 2025

 El mural «As Mouras», obra del artista nacido en As Pontes Edgar Goás Blanco (Wedo …