Operarios da empresa adxudicataria da nova piscina do Couto, Narón, realizan estes días os traballos iniciais para a materialización deste proxecto, coa demitación da zona e o acopio de material.
As instalacións suporán un desembolso de 657.937 euros, unha contía con cargo á que se habilitarán a piscina principal, outra infantil e unha zona de praia exterior, ocupando en total unha superficie que ronda os 500 metros cadrados, tal e como recordou o concelleiro de Obras, Pablo Mauriz.
As novas instalacións estarán operativas o vindeiro verán nas inmediacións do centro cívico social do Couto, nun recinto de titularidade municipal xunto á área recreativa, o local social e unhas pistas polideportivas localizadas na zona.
O proxecto, tal e como recordou Mauriz, aposta pola integración das novas instalacións nese entorno, plantexándose un edificio cuberto para vestiarios, almacéns e cuartos de instalacións pero non pechado por completo para o seu uso na tempada estival.
Na planta baixa ubicaranse dous vestiarios, cafetería, sala de instalacións de piscinas, sala de primeiros auxilios, dous almacéns e cuarto de instalacións xeral e na planta de cuberta o vaso da piscina principal, o da infantil e unha zona de praia exterior.
O concelleiro de Obras destacou que “as novas instalacións permitirán dotar a esta parroquia da cidade dun novo servizo pensado para desfrute de persoas de todas as idades”. Así mesmo, Mauriz destacou a importancia de “desenvolver nas parroquias proxectos que nos permitan diversificar como neste caso a oferta deportiva da cidade, complementando outros xa operativos e ao mesmo tempo dinamizando o núcleo rural”.
O edil apuntou que o proxecto ten un prazo de execución de nove meses, “o que suporá que os veciños de Narón, e tamén doutros concellos, dispoñan o vindeiro verán dunhas novas e completas instalacións nas que desfrutar do seu tempo de lecer”.