A Xunta aproba un proxecto dunha nova glorieta en Narón cun investimento de 935.000 euros

O Consello da Xunta aprobou este xoves o proxecto para a construción dunha glorieta no punto quilométrico 4+120 da AC-116, no Val, e da conexión co polígono empresarial Río do Pozo, no Concello de Narón.

O investimento que o Goberno galego destinará a esta nova actuación no municipio coruñés roldará os 935.000 euros, incluíndo o pagamento dos 8 predios necesarios para impulsar estas obras.

O obxectivo é a mellora da seguridade viaria na estrada AC-116, na súa intersección coa estrada provincial DP-5408 no Val, mediante a execución dunha glorieta e da conexión da dita estrada autonómica co polígono empresarial Río do Pozo, para o que se executará unha segunda glorieta no quilómetro 3+630.

A aprobación definitiva deste proxecto por parte do Executivo autonómico leva tamén aparellada a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para executar esta intervención. A superficie de expropiación será de 275,38 m 2 en solo urbanizado e 4.331,80 m 2 en solo rural.

En concreto, a intervención consiste na construción dunha glorieta, no citado punto 4+120 da AC-116, na intersección coa vía provincial DP-5408 e co viario local de acceso á zona de costa.

Mediante esta intervención búscase mellorar a seguridade viaria na zona do Val, substituíndo a actual intersección en cruz con carrís centrais de xiro á esquerda e cuñas de aceleración e deceleración.

Ademais, e para completar a intervención, inclúese a execución dunha segunda glorieta sur e o novo acceso ao polígono do Río do Pozo: situarase no quilómetro 3+630 da AC-116, no que será a intersección co novo viario de acceso ao polígono. Conectarase deste xeito a AC-116 coa autovía Ferrol-Vilalba (AG-64 ) a través do polígono.

Esta nova conexión está prevista no Plan sectorial da rede viaria de Ferrol e área de influencia, cuxa actualización foi aprobada pola Xunta de Galicia, e evitará o paso do tráfico pola estrada provincial DP-5408 en Santa Margarida, beneficiando así aos seus veciños.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade convocará os actos expropiatorios no último trimestre de ano e no primeiro de 2024, co obxectivo de licitar as obras no vindeiro ano. A actuación ten un prazo de execución de 12 meses.

O Goberno galego continúa mellorando a rede viaria autonómica para reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios, así como para a apoiar o desenvolvemento económico e o tecido industrial.

Lea también

Apertura en Narón do novo Complexo das Piscinas de Verán do Couto

Os abonos mensuais pódense adquirir desde este mércores nas oficinas do Padroado de Deportes en …