Máis de medio milleiro de militantes e simpatizantes de TEGA acudiron a esta convocatoria.
A Festa do Río de Terra Galega reuniu este domingo na área recreativa de Pedroso a máis de medio milleiro de persoas que participaron nesta celebración, unha cita xa consolidada en Narón chegada esta época do ano. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e os edís da corporación local estiveron acompañados por militantes e simpatizantes do partido, que quixeron compartir esta xornada de confraternidade que deu comezo ao mediodía.
A programación da Festa do río iniciouse ás 13.00 horas, cunha actuación musical para amenizar a celebración baixo unha gran carpa instalada para a ocasión na área recreativa. Antes do xantar de confraternidade, o responsable local do partido na cidade, Ibán Santalla, dirixiuse aos alí presentes para darlles benvida a esta nova edición da Festa do río e agradeceu, en nome de todas as compañeiras e compañeiros da formación e no seu propio, “todo o apoio que recibimos durante esta última campaña electoral, e que se traduciu nun respaldo que nos permite contar con dez dos vinte e un edís da corporación local naronesa”.
Trala súa intervención, Santalla cedeu a palabra á alcaldesa, Marián Ferreiro, que se dirixiu tamén aos asistentes ao acto. “En primeiro lugar quero agradecervos tamén persoalmente ese apoio, esa fidelidade a Terra Galega, ao noso proxecto que é tamén o voso para esta cidade”. A rexedora local recalcou que “co actual equipo de TEGA seguiremos traballando dende o Concello como viñemos facendo ata agora para que Narón continúe sendo un referente industrial, cultural, deportivo e en moitos outros ámbitos da socidade, ofrecendo ás veciñas e veciños servizos de calidade, mellorando os existentes e ampliándoos na medida do posible con novos proxectos”.
A alcaldesa repasou tamén algunhas das actuacións máis importantes que se están levando a cabo na actualidade, como a musealización do muíño de Xuvia “que nos permitirá culminar un dos proxectos máis importantes a nivel histórico, patrimonial e turístico da nosa cidade, poñendo en valor un edificio único e singular”.
O bowl de Piñeiros, o estacionamento do novo centro de saúde, a piscina do Couto, a licitación das obras do novo campo de tiro con arco no Río do Pozo … foron tamén outras das actuacións ás que aludiu na súa intervención. Finalmente a alcaldesa animou aos asistentes ao acto a desfrutar da xornada e a continuar “traballando estes vindeiros catro anos coa mesma ilusión que o primeiro día, cumprindo os compromisos adquiridos coas nosas veciñas e veciños e construíndo o Narón do futuro, un Narón para todas e todos”.