O Concello de Narón entrega credenciais á ASCM para realizar a ruta a Santo André de Teixido

 
 
Persoas con diversidade funcional da Asociación Cultural ASCM e chegadas doutros puntos do país iniciaron o pasado luns o Camiño a Santo André de Teixido, unha ruta de peregrinación milenaria que ten o seu inicio en Narón, nas inmediacións do mosteiro de San Martiño de Xuvia (O Couto) e percorre tamén os municipios de Cedeira e Valdoviño.
 
A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, recibiu ao colectivo no punto de inicio, no citado cenobio, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) para desexarlles bo camiño.
 
A edil naronesa entregoulles tamén trípticos da ruta do Camiño Vello a Santo André ao seu paso de Narón, nos que se inclúen códigos QR con audioguías que se poden escoitar en tres idiomas, galego, castelán e inglés, e ademais recursos turísticos de interese ao seu paso por Narón.
 

 
 
Natalia Hermida deulles tamén a credencial para selar ao longo dos tres concellos polos que discurre o Camiño a Santo André e coa que acreditarán que realizaron esta ruta de peregrinación. A maiores, a concelleira ofreceulles exemplares da guía “Narón para os teus ollos”, na que se resumen os recursos turísticos de Narón e se recolle información sobre festas populares e gastronómicas, eventos culturais, festivais, feiras…
 
“A Asociación Cultural ASCM acadou un reto moi importante, visibilizando con esta acción a importancia de que os recursos turísticos teñan sempre un enfoque de accesibilidade que paulatinamente entre as administracións e entidades se vai acadando. Somos conscientes de que queda traballo por facer neste eido e por iso continuamos avanzando nesta liña, promocionando neste caso unha ruta a un santuario de peregrinación en Galicia por excelencia, o de Santo André de Teixido, un lugar máxico”, destacou Hermida.

Lea también

La Xunta licita por 1,6 millones las obras para convertir una entreplanta en Narón en 14 viviendas públicas

La Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas ha dado un paso para ampliar el …