O Concello de Narón mantén aberto o prazo de inscrición para cubrir as últimas vacantes dos cursos de “Servizos básicos de restaurante e bar”, convocado a través do Programa Municipal de Formación financiado íntegramente con recursos municipais e o de “Xestión de Recursos Humanos”, convocado a través da plataforma Cemit.
A acción formativa de “Servizos básicos de restaurante e bar” diríxese a persoas maiores de 18 anos, desempregadas. As persoas interesadas en anotarse deben facelo no Rexistro Xeral do Concello, na Sede Electrónica ou a través dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
A duración do curso é de de 415 horas, e impartirase no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, de 8.30 a 14.30 horas, e nas instalacións das empresas colaboradoras en prácticas (estas últimas no horario que se determine, a razón de 6,45 horas diarias).
As datas previstas de celebración do curso son do 13 de setembro ao 26 de decembro de 2023 e entre as temáticas a abordar na convocatoria están: Prevención de riscos laborais específicos; Hixiene alimentaria no sector da hostalería; Competencias básicas dos profesionais da hostalería; O preservizo e postservizo na área de consumo de alimentos e bebidas e Limpeza de instalacións e equipos.
O alumnado realizará 100 horas de prácticas profesionais non laborais e formación sobre un módulo transversal de Orientación para o emprego en Igualdade (15 horas).
As persoas que desexen recibir máis información poden consultar a Sede Electrónica do Concello ou contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, a través do número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109).
Así mesmo, tamén quedan algunhas vacantes para o curso de “Xestión de Recursos Humanos” convocado a través da plataforma Cemit e que se desenvolverá do 11 deste mes ao 24 do vindeiro outubro nas instalacións da Aula Cemit de Xuvia.
O curso terá unha duración de 120 horas e impartirase en quenda de tarde, de 16.00 a 20.00 horas. Definición do posto de traballo, definición de perfís laborais, competencias e formación, normativa laboral, seguridade social e cotizacións, liquidación do recibo de salarios, liquidación de cotizacións e aplicacións informáticas de xestión de RRHH forman parte dos contidos a abordar.
As inscricións neste caso deben tramitarse dende a plataforma Cemit, a través do enlace: https://cemit.xunta.gal/es/formacion/formacion-presencial/42998