Un ano máis a área recreativa de Pedroso acollerá a tradicional Festa do Río de Terra Galega. A cita será o vindeiro domingo día 10 de setembro e á mesma asistirán a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, o secretario xeral de Terra Galega, Guillermo Sánchez Fojo, e o coordinador do partido na cidade, o edil naronés Ibán Santalla.
Militantes e simpatizantes da formación acudirán tamén a esta cita, para a que xa se poden adquirir as entradas, a través dun donativo de 18 euros, que inclúe a comida do xantar popular que se celebrará para a ocasión. As persoas interesadas en asistir poden realizar as reservas chamando ao número de teléfono 698 166 544.
A xornada dará comezo ás 13.00 horas e prolongarase ata última hora da tarde, un tempo no que ademais do xantar de confraternidade os asistentes poderán desfrutar de xogos populares e desfrutar da música que amenizará a Festa do río.
O evento concíbese como unha proposta interxeracional na que tamén haberá propostas específicas para as nenas e nenos, que poderán gozar dos xogos populares e dos inchables que se instalarán para a ocasión na propia área recreativa, nas inmediacións dunha gran carpa baixo a que se celebrará o xantar popular.
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, dirixirá unhas palabras aos asistentes con motivo desta celebración, que cada ano coincide co remate da tempada estival e que é unha das citas consolidadas pola formación na cidade. Así mesmo, o coordinador local de TEGA tamén se dirixirá aos militantes e simpatizantes uns intres antes do inicio do xantar popular, para desfrutar a continuación todos xuntos desta nova edición da Festa do Río, á que dende Terra Galega animan a participar.