O Concello de Narón abriu este xoves 31 de agosto, e ata o vindeiro 6 de setembro ás 13.00 horas, o prazo de inscrición nun curso de “Servizos básicos de restaurante e bar”.
Esta acción enmarcada no Programa Municipal de Formación, financiado íntegramente con fondos municipais, consta dun total de quince prazas, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición, e que se dirixen a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas no Concello de Narón, tal e como recordou a concelleira responsable da área, Natalia Hermida.
Poderán anotarse tamén persoas empadroadas noutros concellos, que accederán ás prazas no caso de que non se cubran coas empadroadas en Narón.
As persoas interesadas en anotarse deben facelo no Rexistro Xeral do Concello, na Sede Electrónica ou a través dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
O curso terá unha duración total de 415 horas, e impartirase no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, de 8.30 a 14.30 horas, e nas instalacións das empresas colaboradoras en prácticas (estas últimas no horario que se determine, a razón de 6,45 horas diarias).
As datas previstas de celebración do curso son do 13 de setembro ao 26 de decembro deste ano. Prevención de riscos laborais específicos; Hixiene alimentaria no sector da hostalería; Competencias básicas dos profesionais da hostalería; O preservizo e postservizo na área de consumo de alimentos e bebidas; Limpeza de instalacións e equipos e Técnicas básicas de atención forman parte dos contidos deste curso.
Así mesmo, o alumnado realizará 100 horas de prácticas profesionais non laborais e formación sobre un módulo transversal de Orientación para o emprego en Igualdade (15 horas), tal e como indicou Hermida.
Para obter máis información pódese consultar a Sede Electrónica do Concello ou contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, a través do número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109)