Éxito de público e vendas na XIV Feira Rural de San Sadurniño

A Feira Rural de San Sadurniño clausurou a súa 14 edición con éxito de público e vendas. Iso si, non tanto coma en anteriores citas en que o tempo foi un aliado que convidou a centos de persoas a pasar o día na Cortiña. Desta vez un trebón a primeira hora da mañá desanimou a varios postos e a unha parte do público habitual, que tirou por outras opcións ante a falla de garantías sobre se o sol ía aguantar o suficiente.

E fíxoo durante practicamente toda a xornada, chovendo só a primeira hora da tarde, coincidindo co parón do xantar. O Concello volve facer un balance «positivo» dun evento xa consolidado como referencia estival de todo o referido a agroecoloxía e desenvolvemento local.

A feira arrancou o sabado 26 con certo retraso por causa da chuvia. O normal é que os postos estean todos instalados a iso das 10:00h, pero nesta ocasión houbo que agardar ata ben pasadas as 11 para poder percorrela con todos os expositores montados. Entre eles había de todo e de calidade, principalmente produto agroalimentario fresco e elaborado, ademais de planta, artesanía, artigos de segunda man e maquinaria de xardín, entre a que puidemos ver un espectacular robot rozador teledirixido de gran tamaño para malezas e terreos difíciles.

E, por suposto, animación musical. Este ano foi a charanga Brassica Rapa quen percorreu os sendeiros da Cortiña ambientando as compras e o xantar a base de polbo e churrasco  baixo as sombras do arboreto de especies autóctonas.

Segundo as vendedoras e vendedores o produto foi saíndo ben, aínda que sen apuros e sen tanto volume coma noutras ocasións. E é que, de novo, o tempo de  primeira hora da mañá xogou en contra da feira, aínda que á tarde foi un aliado «xa que non era día de praia», como comentou o edil de Desenvolvemento local, Manolo Varela, e polo tanto foi durante esa segunda parte da xornada cando se produciu un repunte da asistencia que en certa maneira amorteceu as ausencias da mañá.

Ademais a feira tamén ofrecía actividades paralelas apetecibles, como por exemplo o concurso morfolóxico da Raza Can de Palleiro, obradoiros para a rapazada, os paseos en kaiak polo Xubia ou o espectáculo de rúa Circando presentado por Fran Rei cunha chea de artistas dos malabares e a maxia.

Tamén se xuntou ben xente nos dous momentos centrais dos sorteos de lotes de produtos, que se rifaron ás 14:00 e ás 19:45h. O de mediodía foi precedido da entrega de premios do concurso da froita autóctona ao que se presentaron máis de medio cento de lotes de toda a comarca.

Os ganadores foron un cesto de peras Williams Bon Chretien presentado por María del Mar Díaz, outro de mazás Reineta Raiada achegado por Juan Castrillón e unhas fermosas mazás Ollo Mouro presentadas pola familia Pouso, quen repetiron premio na feira, igual que Castrillón, pola calidade dos seus froitos.

O certame da froita, organizado en colaboración coa AGFA do Eume, organízase como evento central desde a primeira edición da Feira Rural coa finalidade de recoñecer o labor de quen conservan castes autóctonas ou tradicionais e tamén co obxectivo de mostrar as posibilidades económicas que ofrece a fructicultura, e en xeral calquera tipo de cultivo adaptado ao país que aposte pola calidade e polos circuítos de proximidade.

Desas posibilidades de desenvolvemento temos xa mostras no Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla. O espazo contaba con expositor de seu na Feira Rural e foi un dos máis visitados ao longo da xornada. Nel podían degustarse marmeladas e zumes, ademais de tomates confeitados e ketchup «porque neste momento estase na campaña do tomate».

Porén, máis aló da proba gratuíta, o posto espertou o interese de moitas persoas interesadas en transformar os seus excedentes que descoñecían a existencia deste centro promovido polos concellos de Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño con apoio da Deputación da Coruña, dos fondos Leader e da Consellaría do Medio Rural.

Segundo avanzou Manolo Varela, A Fusquenlla ampliará en breve o seu equipamento cunha achega da Deputación da Coruña, ao tempo que se traballa na definición «dun modelo autoxestionado» que se levará á práctica a través dunha asociación con experiencia neste ámbito como é a Agroalimentaria do Eume.

A filosofía do centro é que calquera persoa, sexa ou non profesional, poida transformar alí os seus produtos de froita e horta con todas as garantías sanitarias. Por esta razón todas as usuarias e usuarios «deben pasar antes por un curso de 60 horas sobre seguridade alimentaria e manexo do equipamento», explica Varela.

Até o momento xa se formaron máis de medio cento de persoas, hai escasos días rematou un dos cursos, e os municipios promotores van continuar ofrecendo formación en colaboración coa Oficina Agraria Comarcal de Ferrol.

Por outra banda, A Fusquenlla xa trascendeu o límite territorial dos catro municipios que puxeron en marcha a iniciativa, integrada na Rede de Coworking da Deputación da Coruña, e agora avanza con paso firme para abrirse a toda a provincia. «Hai xente de Oleiros, de Vilarmaior, de Cedeira, Ortigueira… e os concellos limítrofes de aquí, está tendo moi boa acollida. Os pequenos produtores coñécense, falan e iso fai que apareza demanda por parte da xente (deste servizo)».

A XIV Feira Rural de San Sadurniño finalizou pasadas as 20:00h. Agora veñen uns días de descanso e de cara á fin de semana que vén, outro peso pesado da programación municipal: o inicio da oitava edición do Chanfaina Lab, que reunirá no noso concello entre o 1 e o 3 de setembro a máis de 50 creadores audiovisuais.

Lea también

La Policía Local de Ares intervino en dos incidencias en la noche del sábado

  En la noche del sábado los efectivos de la Policía Local de Ares han …