A alcaldesa de Narón asina un convenio con Cometa sobre as colonias felinas

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, asinou un convenio con Nuria Pérez, presidenta da asociación Cometa, nun acto no que estiveron tamén presentes o edil de Medio Ambiente, Manuel Ramos, e outras representantes da citada entidade.

O acordo ten como obxectivo, tal e como indicou a rexedora local, establecer as bases de colaboración técnica e económica entre o Concello de Narón e a asociación Cometa para executar actuacións, sanear e esterilizar, entre outras, nas colonias felinas da zona urbana, para que estean nas mellores condicións sanitarias e mellorar a salubridade pública da zona na que se localizan.

En virtude ao convenio o Consistorio comprométese a aboar os gastos derivados das esterilizacións, vacinacións e desparasitacións nos termos acordados coa Mancomunidade, formalizando a colaboración entre Cometa e veciños voluntarios para o control ético das colonias felinas.

Deste xeito, tal e como se recolle no documento, dende o Concello autorízase á asociación Cometa a levar a cabo a coordinación da xestión ética das colonias felinas, debendo a entidade identificar ás persoas que baixo a organización da mesma poderán levar a cabo actuacións de alimentación e saneamento, así como captura para a esterilización ou tratamento dos gatos das colonias felinas.

Pola súa banda, a asociación comprométese a elaborar un censo da colonia felina, indicando o número de exemplares que a integran, estado xeral dos animais e indicación dos que están esterilizados. Así mesmo, será responsabilidade dos coidadores o control hixiénico da colonia, sendo estritos nas condicións ambientais e de limpeza dos comedeiros e bebedoiros dos animais.

A alimentación dos felinos só poderá realizarse nas zonas previamente acordadas co Concello e terá que levarse a cabo a diario con penso seco e auga limpa e fresca en igual horario, para minimizar comportamentos molestos e facilitar a observación das colonias.

A alcaldesa destacou e valorou o traballo que realiza o persoal da asociación Cometa e o das voluntarias e voluntarios que levan a cabo os traballos de alimentación dos felinos baixo unhas medidas que garantan a salubridade precisa para este tipo de actuacións.

Así mesmo, Ferreiro recordou que o Concello dispón dunha ordenanza sobre a protección e tenza de animais de compañía e potencialmente perigosos na que se especifican, entre outros, unha serie de medidas específicas para as colonias felinas, incidindo en que o seu control e seguemento “é unha actividade de interese xeral para o conxunto da comunidade que precisa da colaboración das administracións, asociacións protectoras de animais, como neste caso Cometa, e persoal voluntario”.

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …