A Biblioteca municipal de Narón acollerá o vindeiro luns día 28, a presentación do libro “Huida a mi espejo”, da escritora venezolana Milagro Gómez Brito.
Así o avanzou a concelleira de Bibliotecas, Olga Ameneiro, que indicou que o acto, aberto á asistencia do público xeral, ata completar a capacidade da sala, dará comezo ás 19.30 horas na sala multiusos da planta soto das citadas instalacións municipais.
A autora explicou que o seu libro “nace do máis profundo do sentir dunha muller encerrada no seu silencio, no solipsismo atroz que a persiste como vestixio do tempo que transcorre nela deixando fendas non só na súa palabra senón tamén no espello do seu ser”.
A publicación, recén saída do prelo, está publicada por Diversidad Literaria e poderase adquirir tralo acto. Milagro Gómez naceu en Viento Fresco, un pequeno pobo do Estado Monagas, en Venezuela. O seu interese pola escritura naceu no seu fogar, onde vía ao seu pai ler a prensa diariamente e onde a súa nai escribía e lía poemas. Coa súa familia participou en numerosas actividades culturais pero foron especialmente os recitais de poesía os que espertaron en Milagro o interese por escribir.
A autora recoñece nela a influencia de poetas venezolanos como Félix Antonio Calderón, Gustavo Pereira, Andrés Eloy Blanco, Ana Enriqueta Terán ou María Calcaño e de autores universais como Pablo Neruda, César Vallejo, Antonio Machado, Federico García Lorca ou Arthur Rimbaud.